Menu toggle
Emprego

 

A «GALA DE OUTONO DA PROVINCIA DE LUGO” é unha campaña promocional e publicitaria, promovida e organizada pola Excma. Deputación Provincial de Lugo, xunto coa Federación de Asociacións de Comercio da Confederación Provincial de Empresarios de Lugo-Federación de Comercio de Lugo, que ten como finalidade fundamental, o recoñecemento e posta en valor da importante posición que ocupan os pequenos comercios retallistas, como motores fundamentais da economía da provincia de Lugo, poñendo en alza, difundindo, e valorando como merecen os grandes esforzos que realizan estes pequenos comercios da nosa provincia, para fortalecer e mellorar a situación do tecido empresarial e comercial da mesma. 

Esta campaña consiste pois nun CONCURSO DE MÉRITOS ENTRE PEQUENOS COMERCIOS DA PROVINCIA DE LUGO que se inscriban para participar neste concurso na páxina web habilitada a tal efecto: www.premioscomerciolugo.gal, cubrindo o formulario pertinente que atoparán en dita páxina, e adxuntando na súa inscrición una pequena memoria detallando os méritos que consideren cómpre destacar do seu comercio, a fin de que sexan valorados aos efectos da elección dos gañadores do concurso segundo os criterios expostos nestas bases. Terán de prazo para inscribirse dende o 9 de novembro (data de inicio da campaña) ata o 15 de novembro do 2022.

Cada comerciante inscrito en cada unha das 5 categorías descritas de seguido, e conforme a todo o disposto nestas bases, optará a un premio de 1.000 euros brutos por categoría.

CATEGORÍAS DE PREMIOS:

1. Premios á Mellor Traxectoria Individual:
Nesta categoría, valorarase e recoñecerase, ao pequeno comerciante que teña demostrado o seu esforzo, traballo e adicación ao seu comercio na localidade onde está localizado, ao longo de toda a súa vida laboral e profesional.

Valorarase tamén a súa implicación gremial e a súa vinculación coas asociacións de representantes do seu sector, na zona onde desenrola a súa actividade e coas accións que éstas desenrolan. Os comerciantes que opten a esta categoría teñen que levar como mínimo 10 anos adicados ao sector.

2. Premio á Continuidade Empresarial:
Esta categoría está dirixida aos pequenos comercios da provincia que lograran manter a súa actividade empresarial durante cando menos 25 anos, grazas ao relevo xeracional ou á reconversión do seu negocio.

3. Premio á Dixitalización:
Esta categoría está dirixida a recoñecer iniciativas que teñan contribuído a redefinir o servizo aos clientes, tratando de melloralo sempre; así como a posibilitar ou fomentar novas experiencias dixitais na interacción comercio-cliente, tanto nos comercios físicos como no comercio online.

4. Premio ao Comercio Sostible:
Nesta categoría, recoñeceranse e valoraranse aqueles comercios que destaquen na posta en marcha de proxectos innovadores, que contribúan de xeito destacado, a acadar os Obxectivos de Desenrolo Sostible (ODS).

5. Premio ao Mellor Comercio de Barrio:
Esta categoría está dirixida aos comercios localizados nalgún barrio das nosas cidades e vilas da provincia de Lugo, que destaquen porque ofertan unha proposta atractiva, diferente, innovadora e que resulte atraente para os consumidores, valorándose tamén o trato ao cliente e a conservación de algún oficio ou tradición típica da zona ou da nosa provincia ou típica galega, como por exemplo algún produto alimenticio típico ou algunha manualidade artesanal.

Sorteo de bonos de 50€ entre os consumidores

Para animar á participación, e amplificar a promoción e visibilidade do comercio local, esta campaña implicará directamente aos consumidores, que serán os que elixirán aos finalistas do concurso a través unha votación popular vía on line. Entre as persoas que participen nesta fase, que será do 18 ao 30 de novembro, sortearanse un total de 200 bonos de 50 euros cada un, é dicir, un total de 10.000€.

 

Máis información na Páxina Web do Programa e nas Bases do Proxecto

Axenda emprego