
DOCUMENTO DESTACADO
Concurso Provincial de Gando Vacún, Feiras e Festas de San Froilán, 1906. sin. DPL 8.3 ADPL
Durante as festas de San Froilán de 1906 celebrouse en Lugo, os días 6 e 7 de outubro, un Concurso Provincial de Gando Vacún, destinado a fomentar e mellorar a gandaría bovina da provincia.
Segundo recolle o Regulamento do concurso, publicado no Boletín Oficial da Provincia de Lugo (n.º 210, do 14 de setembro de 1906), a iniciativa respondía á aspiración de que Galicia fose «polas súas vacas a Suíza española, polos seus queixos e manteiga a Holanda Ibérica e polas súas carnes a Arxentina de España».
O Arquivo da Deputación Provincial de Lugo conserva un diploma de cooperación concedido á propia institución pola súa colaboración co concurso. Nel pódese ler:
«O Xurado concede Diploma de cooperación á Excma. Deputación Provincial de Lugo polo mérito recoñecido nos auxilios prestados ao Concurso».
A comisión organizadora estivo formada por Emilio Tapia y Rivas, Darío F. Crespo, como presidente, e Juan Rof Codina, como vogal. Rof Codina, veterinario e defensor da mellora e recuperación das razas autóctonas, foi unha figura destacada no impulso da modernización da gandaría galega.
O Regulamento establecía como recompensas premios en metálico, diplomas de honra e mencións honoríficas. En todos os casos expedíase un diploma no que constaban o premio concedido, o animal que o merecera e o nome e apelidos do concursante.
Este diploma, porén, ten un carácter diferente: é un recoñecemento á colaboración da Deputación na celebración do concurso. Constitúe, polo tanto, un testemuño do papel da institución no impulso da gandaría provincial.