imaxe  A Deputación de Lugo impartiu a 200 profesionais do comercio, hostaleira e turismo da provincia a acción formativa Un novo     escenario de normalidade post Covid-19, co fin de apoialos na aplicación de medidas de prevención e hixiénico sanitarias,   garantindo a comodidade e o benestar do cliente. Cada participante e cada negocio recibiu un diploma que acredita que completaron a formación e que son establecementos seguros.

 Nesta acción formativa participaron 90 profesionais da hostalaría e preto de 95 profesionais do comercio das diferentes comarcas da provincia que pertencen a concellos de menos de 20.000 habitantes. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e   Turismo, Pilar García Porto, subliña que “dende o principio da pandemia, estes sectores deron un exemplo de colaboración coas medidas marcadas polas autoridades sanitarias e realizando estes cursos deron unha mostra máis do seu sentido de   responsabilidade para dar un servizo seguro acorde ao novo escenario”.

  O plan formativo, de 20 horas de duración, desenvolveuse en tres módulos. No primeiro deles Regreso con seguridade déronse as pautas dende o punto de vista médico sobre a prevención da Covid-19 e sobre as condicións sanitarias, coidados persoais e seguridade no establecemento e estivo dirixido pola doutora en Medicina Alicia González Antelo. O segundo módulo, Regreso con intelixencia emocional, impartiuno a psicóloga Paloma Moure, e estivo centrado nas pautas de conduta e habilidades sobre as emocións e intelixencia para manexalas con seguridade de cara ao público. O terceiro e último bloque, Regreso e comunicación co cliente, tivo como obxectivo comunicar que a actividade está rexida pola seguridade e a confianza sobre as bases da sinceridade e a honestidade, claves que lles achegou a doutora en Comunicación Mar Castro.

Os módulos desenvolvéronse con traballos con textos, guías oficiais, normativas, casos prácticos e vídeos, co fin de facer unha ensinanza amena e fluída, presentando atención naqueles aspectos máis útiles para os diferentes sectores para os que foi dirixida a formación. Cada módulo compoñíase dun contido interactivo, unha actividade práctica, unha avaliación e unha carpeta con infografías.

Ao longo do curso, os participantes dispuxeron de liberdade horaria para a realización do curso, tendo en conta os seus compromisos laborais, habilitouse a plataforma con acceso 24 horas de luns a domingo. Dende o inicio, o alumnado estivo en contacto continuo coas persoas responsables da coordinación da acción formativa e cos titores, resolvéndolle dúbidas e achegando información complementaria.

Campaña EN LUGO, SI

Esta acción formativa enmárcase na campaña EN LUGO, SI que a Deputación de Lugo puxo en marcha durante o Estado de Alarma co obxectivo de reactivar, dunha maneira estable e eficaz, o comercio local, a hostalería, o turismo, e o conxunto dos sectores produtivos da provincia, para saír o máis rápido e da mellor maneira posible da crise provocada polo coronavirus.

A marca EN LUGO, SI creada pola Deputación simboliza e reflicte todos os valores e fortalezas que ten a provincia como lugar seguro, de confianza, de calidade e de oportunidades para comprar, para consumir, para o lecer, para pasar as vacacións, pero tamén para emprender.

A campaña inclúe accións dirixidas, por un lado, aos propios negocios, traballadores e profesionais dos sectores produtivos, para dotalos das ferramentas que precisan para facer fronte á nova realidade e, por outro, iniciativas dirixidas á cidadanía, difundindo, os valores e fortalezas da provincia e do seu tecido produtivo.

Axenda emprego