A Deputación achega 230.000€ a Barreiros para a mellora do abastecemento, a modernización da EDAR e a dotación de material ortopédico
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, vén de asinar coa Segunda Tenente de Alcaldesa de Barreiros, Carmen Veiga Rodríguez, un convenio de colaboración no Pazo de San Marcos polo que a institución provincial achegará 230.000€ para a mellora do abastecemento, a modernización da EDAR e a dotación de material ortopédico. O Concello mariñán achegará outros 7.135,91€ para acadar un orzamento conxunto de preto de 240.000€ que permita subvencionar estes investimentos.
No que ten que ver coa mellora das infraestruturas de abastecemento, estes fondos financiarán a execución dunha nova rede de distribución de auga en Merille. Durante o verán, volveron a darse situacións de falta de subministración neste barrio de San Cosme e no da Ínsua. A nova infraestrutura que se vai financiar grazas ao investimento da Deputación permitirá eliminar a conexión entre ambos barrios e así, a Ínsua recibirá un maior caudal de auga, dando solución ao problema en ambos núcleos.
A achega provincial servirá tamén para financiar cinco traballos encamiñados á modernización, reparación e dixitalización da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) que inclúen a substitución de equipos, instalación de elementos auxiliares e integración no sistema de xestión municipal. Unhas actuacións relacionadas coa situación que aparellou o desenvolvemento urbanístico descontrolado neste concello, na que se autorizou a execución de vivendas sen garantir a dotación dos servizos básicos necesarios.
Finalmente, unha terceira actuación que poderá realizarse con cargo a este investimento é a dotación de material ortopédico. Un material que servirá para reforzar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que en Barreiros dá servizo a preto de 70 fogares, e o servizo de préstamo municipal. Unha colaboración que ten que ver coa crecente demanda dos servizos sociais por parte dunha poboación cada vez máis envellecida e dependente, xa que no caso de Barreiros o 34% da poboación ten máis de 65 anos.