O Presidente asiste á investidura de María Emilia Casas como Doutora Honoris Causa pola Universidade da Coruña

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asistiu este venres ao acto de investidura da lucense Mª Emilia Casas Baamonde como Doutora Honoris Causa da Universidade da Coruña. O evento, que tivo lugar no Paraninfo da Reitoría da Maestranza, foi presidido polo Reitor da universidade coruñesa, Ricardo José Cao Abad, e contou coa presenza de diversas autoridades galegas.
Con este recoñecemento, Mª Emilia Casas Baamonde convértese na trixésimo primeira honoris causa da institución coruñesa. Nacida en Monforte de Lemos foi a primeira muller Catedrática de Dereito do Traballo e Seguridade Social de España pola Universidade Complutense de Madrid e presidiu o Tribunal Constitucional entre o ano 2004 e o 2010. Actualmente, preside o Tribunal Administrativo de Recursos Contractuais da Deputación de Lugo (Tarclu) e é Conselleira electiva do Consello do Estado desde o 2018.
A maxistrada foi nomeada Doutora Honoris Causa pola Universidade de Santiago de Compostela, a de Vigo e outras universidades españolas. Ao longo da súa traxectoria profesional recibiu importantes recoñecementos e condecoracións como o Premio Pelayo para Xuristas de Recoñecido Prestixio ou a Gran Cruz da Orden de San Raimundo de Peñafort.