A Deputación inicia o proceso para outorgar 10 hortos urbanos no Parque do Rato
Licitada a contratación da iluminación de Nadal da fachada de San Marcos por algo máis de 15.000€ e un ano de duración co obxectivo de “contribuír á decoración dunha das prazas máis emblemáticas do centro de Lugo”
A Voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, informou este venres que a Deputación de Lugo vén de iniciar o proceso para outorgar 10 hortos urbanos no Parque do Rato. “Na Xunta de Goberno que vimos de celebrar aprobamos a apertura do prazo de presentación de solicitudes para optar a algunha das 10 parcelas –das 150 dispoñibles- que quedaron libres neste espazo tras concluír o período de 4 anos polo que se conceden”, explicou.
García Porto confirmou que as bases que rexerán para adxudicar estes terreos novamente serán as mesmas que viñan sendo, polo que os requisitos dos solicitantes pasan por ser maior de idade; estar empadroado no Concello de Lugo ou lindeiros (Castro de Rei, Castroverde, O Corgo, Friol, Outeiro de Rei ou Guntín); estar exento de obrigas coas administracións públicas; non posuír terreos cultivables no concello de Lugo; e non convivir cunha persoa que ten un horto autorizado.
“Primarán os criterios sociais, como estar en situación de desemprego, ser representante dun centro educativo ou traballar para un colectivo social”, subliñou a Deputada, que engadiu que está previsto que os interesados poidan presentar as súas solicitudes entre o 15 e o 28 de outubro (ambos incluídos), unha vez que se publique no BOP este acordo de Xunta de Goberno. E relatou que cos hortos urbanos, a Deputación pon á disposición da veciñanza uns espazos que fomentan a agricultura ecolóxica, a conciencia ambiental e o lecer saudable.
Iluminación de Nadal da fachada de San Marcos
Licitada a contratación da iluminación de Nadal da fachada do Pazo de San Marcos con 15.294,39€ de orzamento e o contrato terá unha duración dun ano. O incluirá a subministración, instalación, conexión, mantemento, desmontaxe e almacenamento mediante arrendamento dos elementos decorativos que iluminarán a fachada da sede provincial da praza de San Marcos durante as festas. “A idea é dar continuidade ó que viñemos facendo nos últimos anos, contribuíndo á decoración dunha das prazas máis emblemáticas do centro de Lugo. Sabemos que a iluminación e os adornos de Nadal dinamizan a economía, porque animan á compra e a que haxa máis xente na rúa nestes días de frío”, valorou a Deputada.
Venda de dúas parcelas no polígono de Castroverde
Finalmente, e ligado tamén coa dinamización económica da provincia hoxe sacamos adiante tamén o alleamento de dúas parcelas da Deputación no polígono industrial de Castroverde. Concretamente, a Xunta de Goberno aprobou a venda das parcelas 31 e 40 deste parque empresarial a Frutas López Castroverde SL e Metal Norte 2024 SLU respectivamente. Cada unha por un prezo de algo máis de 35.500€.
Neste polígono, conformado por un total de 51 parcelas, a Deputación ten vendidas 14 e quedan outras 37 dispoñibles. No conxunto dos 8 polígonos industriais da provincia que eran titularidade de SUPLUSA -Baleira, Castroverde, Chantada, Cospeito, Friol, Ourol, Paradela e Begonte- a Deputación xa ten vendido preto do 54% dos terreos, quedando dispoñibles 112 parcelas.