Miguel Fernández felicita ás máis de 300 persoas que se gradúan na UNED Sénior de Lugo
O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Miguel Fernández Méndez, participou este martes no acto de graduación e entrega dos diplomas aos 332 alumnos e alumnas que cursaron formacións da UNED Sénior de Lugo durante este curso. No evento, que tivo lugar no Salón de Actos do centro lucense, o Deputado Provincial estivo acompañado pola directora da UNED en Lugo, Ana Traseira.
Miguel Fernández trasladoulles as súas felicitacións porque “aproveitar esta oportunidade formativa e manter viva esa curiosidade require de compromiso e dedicación”. Sinalou tamén que “desde a Deputación sentimos unha especial satisfacción por colaborar coa UNED e por continuar contribuíndo a que este proxecto continúe chegando a cada vez máis persoas”.
O programa desenvolveuse en Lugo, Sarria, Viveiro, e, como novidade, en Monforte de Lemos e as materias que se impartiron estiveron relacionadas coa lingua inglesa, a literatura, a historia da arte, a música clásica e o patrimonio histórico-artístico. Ademais, este foi un curso especialmente significativo porque supuxo un incremento do 114% no número de participantes pasando de 155 a 332 persoas.
Nova titulación IA
Recentemente, a UNED de Lugo presentou a súa nova titulación en Intelixencia Artificial que este centro universitario implantará o vindeiro curso académico. Unha titulación que vai na liña da estratexia que está a desenvolver a institución provincial a través do proxecto propio MencIA, co que se pretende impulsar a transformación dixital desde o ámbito público. Esta iniciativa estruturase en catro piares: gobernanza e cumprimento; transformación dixital interna; IA ao servizo dos municipios; e ecosistema territorial e innovación.