Deputación de Lugo

A Deputación destaca a importancia dun mercado laboral inclusivo na clausura do Proxecto Troya da USC

Pablo Rivera Capón
O Deputado de Promoción Económica e Social participou este martes no peche desta iniciativa da Facultade de ADE na que ofreceron formación a sete persoas con discapacidade física para o desenvolvemento das súas habilidades empresariais

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este martes na clausura do Proxecto Troya, unha acción formativa que impulsou a Aula TIC PEMEs da Facultade de Administración e Dirección de Empresas (ADE) este ano para mellorar a empregabilidade de persoas con discapacidade física. 

Destacou Rivera Capón a importancia de contar cun mercado laboral inclusivo, “ademais dunha cuestión de xustiza social, é unha necesidade económica, demográfica e territorial”. Subliñou que “aproveitar o talento de todas as persoas fortalece a nosa economía e contribúe a fixar poboación e construír unha provincia máis competitiva e cohesionada”. 

Esta edición do Proxecto Troya, consolidada xa como unha iniciativa pioneira de formación e inclusión laboral impulsada pola USC, contou coa participación de sete persoas. Todas elas  acadaron unha microcredencial que lles serve para certificar as súas competencias empresariais en todo o territorio da Unión Europea.

O acto que se celebrou na Facultade de ADE contou tamén coa presenza do Vicerreitor de Organización Académica do Campus, Roberto Bande, o coordinador de COGAMI Lugo, Juan Antonio Gude e da coordinadora do proxecto María Ángeles López.