A Deputación destaca a importancia dun mercado laboral inclusivo na clausura do Proxecto Troya da USC
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este martes na clausura do Proxecto Troya, unha acción formativa que impulsou a Aula TIC PEMEs da Facultade de Administración e Dirección de Empresas (ADE) este ano para mellorar a empregabilidade de persoas con discapacidade física.
Destacou Rivera Capón a importancia de contar cun mercado laboral inclusivo, “ademais dunha cuestión de xustiza social, é unha necesidade económica, demográfica e territorial”. Subliñou que “aproveitar o talento de todas as persoas fortalece a nosa economía e contribúe a fixar poboación e construír unha provincia máis competitiva e cohesionada”.
Esta edición do Proxecto Troya, consolidada xa como unha iniciativa pioneira de formación e inclusión laboral impulsada pola USC, contou coa participación de sete persoas. Todas elas acadaron unha microcredencial que lles serve para certificar as súas competencias empresariais en todo o territorio da Unión Europea.
O acto que se celebrou na Facultade de ADE contou tamén coa presenza do Vicerreitor de Organización Académica do Campus, Roberto Bande, o coordinador de COGAMI Lugo, Juan Antonio Gude e da coordinadora do proxecto María Ángeles López.