A Deputación adxudica por case 80.000€ a mellora da estrada sarriá que une Barbadelo con Vilei
Adxudicado por 60.500€ o lote 2 do contrato de acondicionamento do completo turístico Augasmestas que corresponde ao material de hostalería para o restaurante e a cafetería
Aprobado tamén o último trámite administrativo para o pago de 11 subvencións do programa de dotación e mellora de servizos comunitarios. O importe total é de algo máis de 65.000€ e beneficiaranse colectivos de 7 concellos
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo acordou este venres aprobar a adxudicación por importe de 80.000€ para mellorar a estrada LU-P-5712, a vía que une, en Sarria, a parroquia de Barbadelo co núcleo de Vilei. A empresa adxudicataria resultou ser CHOLO SL e os traballos afectarán a totalidade da vía. As obras consistirán na reapertura de cunetas, no afirmado co estendido do aglomerado en quente, no pintado da vía e na reposición da sinalización vertical. O prazo de execución unha vez comecen os traballos será dun mes.
A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, avanzou que “seguimos sacando adiante proxectos para rehabilitar e conservar a rede de estradas provinciais, sempre co obxectivo de mellorar a calidade de vida de todos os veciños e veciñas. Neste caso concreto, podemos dicir que esta é unha actuación especialmente relevante para á veciñanza que vive nestas entidades de poboación, situadas a pouco máis dun quilómetro, xa que permitirá incrementar de maneira moi significativa a seguridade viaria e facilitar as comunicacións diarias”.
Complexo turístico de Augasmestas
Este venres a Xunta de Goberno tamén adxudicou por 60.500€ o lote 2 do contrato de equipamento que corresponde ao material de hostalería para o restaurante e a cafetería. A empresa adxudicataria é JELU HOSTELERÍA SL e o prazo máximo de entrega será de dous meses desde o comezo dos traballos.
Este paquete inclúe tanto mobiliario e maquinaria de cociña —como forno de gas, cheminea ou lavalouzas— así como elementos para dotar e acondicionar o comedor, entre eles mesas, cadeiras ou taburetes. Ademais, todos os produtos incluídos neste lote terá unha garantía de cinco anos.
García Porto avanzou que “o lote 1, que afecta a mobiliario en xeral, equipamento de piscina, vestiarios ou material para os bungalows está en proceso de contratación” e fixo especial fincapé en que a institución provincial “segue avanzando para que os veciños e veciñas da provincia poidan volver desfrutar destas instalacións situadas nun paraxe de gran beleza como é a beira do Río Sil, en Quiroga”.
“Un exemplo da axilidade coa que estamos a traballar é que, apenas dous meses despois de licitar o contrato, xa podemos anunciar a adxudicación dunha parte do mesmo. O noso obxectivo é que Augasmestas se consolide como un espazo ao servizo da veciñanza, un punto de encontro que, ademais de fomentar a vida social, dinamizará a economía da comarca, impulsará o emprego coa creación de novos postos de traballo e converterá esta infraestrutura nun atractivo máis dentro da ampla oferta turística que a nosa provincia ten para ofrecer”, destacou.
Programa de dotación e mellora de servizos comunitarios
Na sesión de hoxe tamén quedou aprobado o último trámite administrativo para o pago de once subvencións por un importe total de algo máis de 65.000€ a diferentes colectivos que resultaron beneficiarios do programa para a dotación e mellora de servizos comunitarios. Con estas axudas financiaranse actuacións en 7 concellos da provincia. As seguintes entidades beneficiarias recibiron cada unha 6.000€:
- En Quiroga a Asociación de Veciños Cultural e Deportiva de Novaes e Sequeiros acondicionará un camiño; e a Asociación de Veciños de Chaos de Bendollo realizará melloras nas captacións existentes.
- En Ribas de Sil a Agrupación de Veciños de Castro de Abaixo construirá un depósito de auga.
- Nas Nogais a agrupación de Veciños de Casares mellorará o camiño que dá acceso ás parcelas en Cabanas.
- En Xermade a Comunidade de Montes Veciñais da parroquia de Lousada optimizará a traída de auga para o depósito de prevención de incendios.
- En Lourenzá a Comunidade de Montes Veciñais de Verín e Carrás reparará e mellorará os depósitos auga; e a Asociación de Veciños Sociocultural e Medioambiental San Pedro Fiz da Cazolga recibiu algo máis de 5.000€ para a eliminación de barreiras arquitectónicas.
- En Folgoso do Courel a Asociación Veciñal, Cultural e Medioambiental Os Entaladoiros acondicionará o local social da antiga casa escola de Mercurín.
- E en Cervantes a Agrupación de veciños de Santalla mellorará o acondicionamento do camiño de Santalla; a Agrupación de veciños de Airoá mellorará tamén o camiño veciñal do Souto; e a Agrupación de veciños de Pereira acondicionará o camiño de acceso á Ponte.
Licitación para adquirir un semirremolque
Na reunión desta mañá tamén se deu luz verde á licitación do contrato para adquirir un semirremolque, tipo góndola, para o parque móbil por un importe de máis de 76.000€. “Coa compra deste vehículo, que sirve para transportar maquinaria para as obras optimizaremos o traslado de equipos e materiais, ao tempo que melloraremos a operatividade do parque móbil. Deste xeito, reforzaremos os recursos dispoñibles, garantindo unha resposta eficiente e segura ante as necesidades que poidan xurdir”, recalcou Pilar García Porto.