Deputación de Lugo

A Deputación celebra no Veral a 3ª Festa da Troita con Xamón das parroquias Ribeireñas do Miño

O Deputado de Promoción Económica e Social acompañou ás máis de 300 persoas que participaron nesta xornada de convivencia entre as parroquias do rural e que pon en valor os produtos locais

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera,asistiu este domingo á xornada de convivencia entre parroquias Ribeireñas do Miño e no Rural e á terceira edición da Festa da Troita con Xamón no Veral, que organiza a Federación de Asociacións de Veciños de Lugo coa colaboración da Deputación e do Concello de Lugo. 

Rivera Capón destacou a importancia do movemento veciñal e da unión das parroquias do Miño, sinalando que festas como a da Troita con Xamón non só poñen en valor os produtos locais, senón que tamén fortalecen a convivencia e a identidade común. Subliñou que a Deputación quere seguir acompañando ás parroquias porque, segundo dixo, “cando a xente se xunta e traballa unida, constrúe un futuro con raíces e orgullo para toda a provincia”.

A cita reuniu a 300 veciños e veciñas das 22 parroquias do val do Miño, que son: Camoira, Ombreiro, Bocamaos, Meilán Adai, Orbazai, Cuiña, Conturiz, Nadela, San Mamed, Santa Cristina, Coeses, Ribas de Miño, San Martiño de Piñeiro, Torible, San Salvador de Outeiro, Vilalchá de Mera, Santa María Alta, Veral, San Lázaro, Meilán, Piugos e Soñar.

O evento, que busca fomentar a convivencia entre parroquias e poñer en valor a gastronomía local, ofreceu un menú gratuíto para os participantes, composto por troita con xamón do val do Mera, empanada e pan de Antas de Ulla, destacando así os produtos típicos da comarca.