Preto de 300 amantes do ciclismo descobren os tesouros da Montaña Lucense coa XI Ruta dos Lobos

O Deputado de Medio Ambiente e Alcalde da Fonsagrada, Carlos López López, deu este sábado a saída na Praza do Concello aos preto de 300 participantes da XI edición da Ruta dos Lobos, unha cita cicloturista que combina deporte, natureza e turismo na Montaña Lucense. A Deputación colabora coa difusión desta proba deportiva que contou con dous percorridos segundo o nivel de dificultade: un itinerario longo de 45 quilómetros e 1.750 metros de desnivel positivo; e outro de 35 quilómetros e 1.500 metros de desnivel positivo.
Este evento, ademais de fomentar a práctica do ciclismo, pon en valor os recursos naturais e turísticos da Montaña Lucense, facendo descubrir aos participantes achegados de toda Galicia, e doutras comunidades, como Madrid, Pais Vasco ou Asturias, lugares emblemáticos como a Seimeira de Vilagocende e as aldeas de Naraxa, Silvela, Aldomán, Pereira ou Paradanova. Durante o percorrido, os ciclistas contaron con puntos de avituallamento con produtos típicos da Fonsagrada, que combinan deporte e gastronomía local.
Carlos López destacou que esta proba “permite dar a coñecer a paisaxe, a cultura e a gastronomía do municipio, e agradeceu o esforzo de todos os voluntarios e voluntarias que fan posible a celebración da Ruta dos Lobos”. Así mesmo, subliñou que este evento tamén “xera un impacto económico moi importante na comarca, impulsando a actividade do comercio, nos aloxamentos na restauración, e proxectando a Fonsagrada como un destino dinámico e atractivo para o turismo activo”.