A Deputación inicia as obras que completarán a renovación da vía entre Pedrafita e Seoane, na que leva investido máis de 1M€

“Cumprimos co noso compromiso de mellorar os 6 quilómetros que quedaban pendentes nesta estrada, un dos principais accesos ao concello de Folgoso e clave para mobilidade da Montaña”, valorou o Presidente da institución provincial
A Deputación de Lugo vén iniciar as obras na LU-P-1301 que completarán a renovación da vía entre Pedrafita do Cebreiro e Seoane do Courel na que leva investidos máis de 1M€. “Cumprimos co noso compromiso de mellorar os 6 quilómetros que quedaban pendentes nesta estrada, fundamental porque é un dos principais accesos ao concello de Folgoso do Courel e ademais é clave para a mobilidade da Montaña”, valorou o Presidente da institución provincial, José Tomé Roca.
Hermanos Pico Yañez SL está a cargo dos traballos que afectan ao tramo que vai desde o punto quilométrico 6,8 e o 7,3, á altura das parroquias de Pacios e Lousada. Cun orzamento de 390.000€ as obras inclúen o ensanche desta estrada ata 10 metros, melloras na drenaxe, afirmado, sinalización e tratamento da paisaxe, o que servirá para minimizar o impacto ambiental nesta zona dos Ancares que pertence a Rede Natura 2000. O prazo de execución é de 10 meses.
Estas actuacións resolverán os principais problemas desta estrada, que tiña un ancho insuficiente en moitos tramos, con curvas complicadas de rasante irregular e mellorar as súas condicións en canto á drenaxe da auga, sinalización e inclemencias do tempo.
Nos últimos anos, a Deputación de Lugo ten acometido obras de mellora en diferentes tramos, ata o quilómetro 12,51 á altura de Hospital, na parroquia de Santa María do Cebreiro. Un conxunto de actuacións da que se beneficiarán as preto de 2.000 persoas que viven entre estes dous convenios e que dá servicio tamén a recursos importantes no turismo rural da contorna.