Deputación de Lugo

A Deputación renova o seu compromiso coa saúde mental cunha achega de 15.000€ para o Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral de Burela

O Presidenteasinou un convenio de colaboración co presidente da Asociación Saúde Mental A Mariña para garantir a asistencia continuada ás persoas con enfermidade mental persistente que a entidade presta neste centro do municipio burelés

José Tomé Rocasubliñou o importante labor que realiza esta asociación na mellora da calidade de vida dos seus usuarios, e na importancia de seguir avanzando na súa integración social e no apoio constante dun colectivo que precisa “atención especializada e continuada”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou no Pazo de San Marcos un acordo de colaboración co presidente da Asociación Saúde Mental A Mariña, Jorge Manchado Rivero, a través do que a institución provincial realiza unha achega económica de 15.000 euros a esta entidade para dar continuidade ao labor asistencial que presta no Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral de Burela, un dos sete complexos dos que dispón este colectivo, que presta atención diaria a 25 usuarios e usuarias. 
José Tomé subliñou o importante traballo que realiza esta asociación na mellora da calidade de vida dos seus usuarios e usuarias, así como na atención ás súas familias. Así mesmo fixo fincapé “na necesidade de avanzar na integración social e no apoio constante a un colectivo que precisa dunha atención especializada e continuada”.


A achega da Deputación contribuirá a cubrir os gastos correntes do centro, que ofrece atención diaria de luns a venres a 25 persoas usuarias, mediante programas de rehabilitación psicosocial e prelaboral. As intervencións inclúen obradoiros de pintura, arteterapia, estimulación cognitiva, informática ou costura adaptada; atención psicolóxica individual e grupal; terapia familiar e actividades de vida diaria e habilidades sociais.


Esta colaboración garante unha atención integral e personalizada, favorece o desenvolvemento persoal das persoas usuarias e impulsa a súa autonomía, facilitando tamén o apoio necesario ás súas familias.

Asociación Saúde Mental A Mariña

A Asociación Saúde Mental A Mariña leva desde 1999 prestando asistencia continuada a persoas con enfermidade mental na comarca. Conta con sete dispositivosespecializados en varios concellos da Mariña lucense, entre eles, centros de rehabilitación en Burela, Ribadeo e Viveiro, unha unidade residencial, unha residencia resort, un piso protexido e unha vivenda tutelada para mulleres vítimas de violencia de xénero con enfermidade mental.


A entidade atende de forma directa a arredor de 150 persoas, converténdose nun referente en saúde mental comunitaria na provincia de Lugo e en toda Galicia.