Cooperación concellos
Deputación de Lugo

A Deputación colabora con Negueira de Muñiz para mellorar a drenaxe en Cancio

Negueira de Muñiz
O Presidente José Tomé Roca asinou co Alcalde José Manuel Braña un acordo para a construción dunha infraestrutura que conteña as augas que asolagan unha vía do municipio que descorre pola marxe dereita do embalse de Salime

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Alcalde de Negueira de Muñiz, José Manuel Braña, veñen de asinar un acordo para colaborar na mellora da drenaxe dunha vía municipal no lugar de Cancio. A institución provincial achegará preto de 43.000€ para a construción dunha infraestrutura que conteña as augas que asolagan dita vía, que descorre pola marxe dereita do embalse de Salime.

Concretamente, a estrada municipal na que se vai actuar está afectada polos frecuentes desbordes de auga que se producen, sobre todo, desde os lumes do 2017. A drenaxe transversal existente é insuficiente para evacuala e a auga circula con frecuencia sobre o firme da vía de xeito incontrolado, o que provoca o seu deterioro. Ademais, polo abrupto do terreo, a estrada nese punto é demasiado estreita.

Grazas a este investimento da Deputación, que se suma aos máis de 5.000€ que aporta este concello da Montaña, substituirase a drenaxe existente por marcos de formigón armado cunhas dimensións máis grandes e eficaces e construirase unha escollera de pedra de forma que a vía pase a contar cun ancho engadido de catro metros.

Tomé Roca enmarcou esta colaboración na cooperación cos concellos, “unha liña de traballo que marca toda a nosa acción de Goberno de xeito transversal, no compromiso que adquirimos de ser o Concello dos concellos”. Valorou ademais que cunha “pequena” colaboración, Negueira de Muñiz conseguirá un cambio “enorme” para a seguridade da veciñanza e dos usuarios e usuarias desta vía.