Deputación de Lugo

A Deputación e ASEFOGA impulsan o cultivo de froitos do bosque ofrecendo asesoramento no rural

O Presidente vén de asinar un acordo de colaboración coa Asociación Sectorial Forestal Galega a través do cal a institución provincial achega 40.000€ para a posta en marcha dunha rede de oficinas de asesoramento, a organización de xornadas técnicas e accións demostrativas nunha parcela piloto

O Presidente da Deputación da Lugo, José Tomé Roca, vén de asinar un convenio de colaboración co presidente da Asociación Sectorial Forestal Galega (ASEFOGA), Jacobo Feijóo Lamas, a través do cal a Deputación achega 40.000€ á entidade para dar continuidade a unha colaboración conxunta co obxectivo de seguir impulsando o cultivo sostible de froitos do bosque como unha oportunidade económica para o rural da nosa provincia. José Tomé Roca subliñou a importancia de apostar por “propostas con retorno social e económico para o rural, que xeren oportunidades e que conecten a xestión responsable do territorio cun modelo produtivo sostible e con futuro”.

O acordo contempla a posta en marcha dunha rede de nove oficinas físicas de asesoramento, que estarán operativas nos Concellos de Becerreá, Chantada, A Fonsagrada, Guitiriz, Lugo, Monterroso, Viveiro, Sarria e Vilalba. Nestes puntos ofrecerase atención personalizada por parte de persoal técnico especializado, así como material divulgativo gratuíto. Ademais, prestaranse servizos a distancia a través de medios dixitais e redes sociais.

A maiores, grazas a esta achega da institución provincial, realizarase un seguimento continuo da parcela piloto de froitos do bosque establecida na provincia para a súa xestión práctica. Realizaranse todos os labores de mantemento precisa o para unha boa xestión da mesma: podas, reposición de exemplares secos ou colleita dos froitos.

Un enfoque integral, con futuro para o rural

Os froitos do bosque, como moras, framboesas ou arandos, destacan pola súa rusticidade —adaptables a temperaturas e solos adversos—, pola alta demanda no mercado e pola viabilidade nas pequenas parcelas tan comúns en Lugo. Esta iniciativa sitúase no eixe da innovación rural, combinando tradición, modernidade e potencial económico real.


Con este proxecto, a Deputación avanza na súa visión dun rural vivo, sostible e atractivo para residentes novos e antigos, apoiando actividades que non só producen riqueza senón tamén encher poboación e mantemento do patrimonio natural.