A Deputación mellora a estrada que conecta Sober e Ferreira de Pantón por Canabal

A Deputación de Lugo vén de iniciar esta semana os traballos de mellora da LU-P-5901, que conecta Sober e Ferreira de Pantón pola parroquia de Canabal. A institución provincial inviste preto de 50.000€ nunha actuación que virá a aumentar a eficiencia da drenaxe da vía no primeiro tramo de dous quilómetros, entre Sober e Canabal.
Concretamente, os traballos afectarán ao treito comprendido entre o punto quilométrico 0,100 e o 2,030 e consistirán na reapertura de cunetas, pavimentación e sinalización mediante o pintado da vía con marcas reflexivas brancas. O prazo de execución das obras, que acomete a empresa Construcciones Valdeorras SA, é de dous meses.
Esta actuación complementa a outras dúas previstas en Sober que se inclúen no Plan de Mellora das Estradas da Deputación de Lugo anunciado para este ano polo Presidente: as da LU-P-5905 de Canabal a Penacarreira; e ás da LU-P-5903, que conecta Sober e Doade cun investimento conxunto de case 250.000€.
Na comarca da Ribeira Sacra a institución provincial contempla unha vintena de obras –nos concellos de Bóveda, Carballedo, Chantada, Pantón, Taboada, Sober, O Saviñao, Monforte de Lemos, Carballedo, Chantada e A Pobra do Brollón- a través deste plan de estradas 2025 por un importe conxunto que supera os 2,2M€.
Este ano a Deputación de Lugo inviste un total de 27M€ na súa rede de estradas provinciais entre conservación, mantemento e obras, o que supón máis do 21% dos Orzamentos 2025.