A veciñanza de Ribas de Sil coñece o novo Xeocamping Montañas do Courel co que colaborou a Deputación

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este sábado en San Clodio xunto ao Alcalde de Ribas de Sil, Roberto Castro, enumerosos veciños e veciñas na xornada de portas abertas do Xeocamping Montañas do Courel, que estará en servizo nas vindeiras semanas. Este evento, organizado polo Concello, serviu para dar a coñecer as novas instalacións que contaron cunha achega económica de preto de 150.000€ da institución provincial a través do Plan Deputación.
Nese sentido, Pilar García Porto destacou que esta infraestrutura, na que a Deputación colaborou tanto na instalación dos bungaló como nas distintas melloras e ampliacións que se foron desenvolvendo, “é un exemplo claro de como pequenos proxectos, ben pensados e ben enraizados no territorio, poden ter un gran impacto dinamizador”. Subliñou tamén que este novo xeocamping “non só ofrece servizos de calidade ás persoas que nos visitan, senón que contribúe a crear actividade económica, fixar poboación e proxectar unha imaxe moderna, amable e sostible da nosa provincia”.
A Deputada sinalou que este servizo encaixa perfectamente co modelo de desenvolvemento turístico no que traballa desde hai anos a Deputación, “un turismo sostible, non masificado, de experiencias auténticas, vividas sen presas, e que pon en valor o noso territorio, a nosa paisaxe, o noso patrimonio e, por riba de todo, a nosa xente”.
Esta xornada de portas abertas deu o pistoletazo de saída á Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite de Ribas de Sil, que nesta XXI edición terá como pregoeiro ao Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca.
Preto de 100 prazas e 14 parcelas de acampada
O Xeocamping de Ribas de Sil conta con edificio de recepción, edificio de usos múltiples, edificio de servizos con oito duchas e outros tantos baños, zona de lavandería, barbacoas e un total de oito bungalós, dous deles adaptados para persoas con discapacidade.
Tamén dispón de 14 parcelas de acampada e un almacén para apeiros, unha pequena piscina e case 2.000 metros cadrados libres para posibles ampliacións no futuro. A capacidade de aloxamento estará cerca das 100 prazas.