A Deputación adxudica por 2,5M€ as obras de urbanización do polígono industrial da Fonsagrada
Esta actuación será estratéxica para a Montaña Lucense, e dotará de solo industrial e terciario á comarca favorecendo a creación de emprego no interior da provincia
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo celebrada este venres vén de adxudicar as obras de urbanización do polígono industrial da Fonsagrada por un importe de 2,5 millóns de euros, cun prazo de execución previsto de 13 meses desde a formalización do contrato. Deste xeito, a institución provincial dá un paso decisivo para unha actuación estratéxica que dotará á Montaña Lucense de solo industrial e terciario impulsando a actividade económica e favorecendo a creación de emprego.
Esta actuación estratéxica permitirá que A Fonsagrada dispoña por primeira vez dunha superficie urbanizada destinada ao asentamento de empresas. Ademais da execución das obras, a institución provincial financiou a redacción do proxecto con 36.000 euros e achegou 600.000 euros para a súa realización.
Os informes técnicos destacan que a actuación terá un efecto multiplicador sobre o territorio, contribuíndo á fixación de poboación e ao reforzo da actividade económica no interior da provincia. Esta infraestrutura responde a unha demanda histórica da veciñanza e do tecido empresarial da comarca, permitindo atraer novas empresas e dinamizar a economía local.
34.421 metros e 15 parcelas dispoñibles
O polígono da Fonsagrada, recollido no Plan Xeral de Ordenación Municipal, estará situado na rúa Burón, na parroquia do Padrón, na confluencia da estrada LU-530, que conecta Lugo con A Fonsagrada, coa estrada LU-P-1901, que vai a Navia de Suarna. A actuación inclúe a construción dunha glorieta que permitirá un acceso adecuado á nova infraestrutura.
O terreo a urbanizar abrangue 34.421 metros cadrados e estará distribuído en 15 parcelas. O proxecto inclúe máis de 250 prazas de aparcamento, vías e beirarrúas de 1,8 metros de ancho, unha vía principal, vías de servizo e rotonda, acondicionamento de parcelas e zonas verdes. As obras contemplan tamén instalacións de abastecemento, rego e protección contra incendios, saneamento de augas residuais e pluviais, rede eléctrica, centros de transformación, alumeado público e telecomunicacións. Ademais, acondicionaranse as parcelas exteriores con barreira vexetal fronte ao Camiño de Santiago mediante árbores e arbustos autóctonos, cumprindo a normativa de Patrimonio.