A Deputación de Lugo potenciou este 2025 os encoros, o románico e as viaxes de proximidade para afianzar o seu modelo de turismo sostible
A Deputación de Lugo potenciou este 2025 os encoros, o románico e as viaxes de proximidade para afianzar o seu modelo de turismo sostible e de calidade. Coñece a túa provincia, Rutas polo románico e Turembalses foron os tres programas turísticos destacados na última reunión do ano do Concello Provincial de Turismo que se celebrou este venres no Salón de Actos.
Un total de 135 asociacións sen ánimo de lucro participaron este ano na quinta edición do Coñece a túa provincia, o programa de viaxes gratuíto que volveu ser un éxito de participación. Outras case 300 persoas participaron nas visitas a monumentos románicos en 19 concellos entre maio e xuño, no marco do programa Rutas polo románico da provincia. Ademais este ano a Deputación de Lugo participou no proxecto Turembalses, para promocionar o turismo de presas, e no marco desa iniciativa puxo en marcha o programa Encoro Aventura, de experiencias singulares relacionadas con esas infraestruturas.
A institución tivo presenza nunha decena de feiras turísticas de referencia, como Fitur, Expomar, Fairway ou Xantar. E mantivo accións de patrocinio e axudas destacadas para fortalecer o sector turístico. Ademais, a Deputación continuou apostando por un dos motores de atracción de visitantes da provincia: as rutas fluviais; neste 2025 unhas 57.000 persoas percorreron a Ribeira Sacra a bordo dos catamaráns da institución.