Deputación de Lugo
Turismo

A Deputación achega 40.000€ a APEHL para a promoción turística e gastronómica da provincia

APEHL
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, asinou no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración co presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo, que permitirá ao colectivo desenvolver diferentes accións turísticas

Entre algunhas das iniciativas que se promoverán está a promoción e difusión da marca ...E para comer Lugo ou a celebración dun curso de especialización en enoturismo

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, vén de asinar este venres no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración co presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo (APEHL), Cheché Real, a través do cal a institución provincial achega 40.000€ ao colectivo para levar a cabo diferentes accións na promoción turística e gastronómica da provincia.

García Porto enmarcou este novo apoio coa APEHL “na colaboración permanente da institución provincial cos sectores produtivos, máis concretamente cos estratéxicos, como é o caso do de servizos, que supón unha fonte de riqueza e de emprego moi importante para a provincia". Asegurou que o traballo en común entre as administracións e o sector "é fundamental para aproveitar todo o potencial turístico que ten Lugo, apostando conxuntamente por un modelo de turismo sostible, de experiencias, que pon en valor o patrimonio histórico e cultural, e con capacidade para atraer visitantes durante todo o ano”. 

Entre as accións que o colectivo levará a cabo coa achega da institución provincial está a promoción e difusión da marca ...E para comer Lugo, un lema que fai referencia a unha das grandes excelencias da provincia como é a súa gastronomía. O colectivo ofrece a través desta marca, que conta coa súa propia páxina web e redes sociais, información turística de interese para o visitante e unha ampla oferta de establecementos de hostalería e de aloxamentos turísticos da provincia.

Así mesmo, estes fondos permitirán á Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería desenvolver un curso de especialización en enoturismo, unha modalidade de turismo en auxe baseado no aproveitamento cultural da viticultura e o mundo do viño para explotar comercialmente a riqueza existente nunha zona vinícola e transformala en destino turístico. A formación ofrecerá a profesionais e emprendedores do sector coñecemento técnico, práctico e específico, que permitirá crear unha rede de profesionais cualificados en Lugo no ámbito do enoturismo. 

A colaboración da Deputación permitirá tamén á APEHL cubrir gastos de persoal para levar a cabo proxectos e iniciativas en favor da promoción turística e gastronómica da provincia.