Deputación de Lugo

A Deputación abre en Antas o Parque Central de Galicia, un novo espazo no corazón xeográfico da comunidade, cunha festa aberta á veciñanza

carmela lópez
Pilar García Porto
parque central de Galicia
Antas de Ulla
“Hai actuacións que acaban pertencendo a unha provincia enteira”, destacou Carmela López, para quen este punto é xa un símbolo grazas ao traballo colectivo de quen decidiu estudalo, coidalo e divulgalo, permitindo que sexa un lugar identitario

A Presidenta da Deputación, Carmela López, abriu este domingo xunto a Alcaldesa de Antas de Ulla, Pilar García Porto, o Parque Central de Galicia situado no lugar de Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante. Fíxoo nun acto inaugural que contou cunha ampla participación veciñal e cunha programación festiva que incluíu actuacións musicais e degustación de produtos de proximidade.

O parque, cunha superficie superior aos 45.000 metros cadrados, está concibido como un lugar público aberto á cidadanía, orientado ao lecer, á convivencia e á conexión coa contorna natural, orientado a promocionar o centro xeográfico de Galicia como reclamo turístico. A súa apertura marca o inicio dunha nova etapa para este enclave, que aspira a consolidarse como punto de encontro e referencia para veciños e visitantes.

“Hai actuacións que acaban pertencendo a unha provincia enteira”, destacou Carmela López, para quen “o verdadeiro éxito deste proxecto medirase pola vida que sexa capaz de albergar, polos recordos que aquí se constrúan ao longo dos anos”. 

Puxo en valor o labor do Instituto de Estudos Ulloáns, “porque ningún sitio chega a ser simbólico por casualidade. Faino porque hai persoas que o estudan, que o coidan, que o explican e que axudan a que xeración tras xeración comprendamos o seu valor. Grazas ao voso traballo este corazón xeográfico de Galicia é hoxe un espazo identitario”.

Agradeceu ademais a implicación da Alcaldesa de Antas e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, “polo seu compromiso con este concello, coa Ulloa e co potencial deste parque, que foi decisivo para que hoxe esteamos aquí”.

Pola súa banda, García Porto destacou a importancia da apertura para a proxección do municipio e da comarca da Ulloa, como “un epicentro de desenvolvemento turístico, económico e social que xera oportunidades e emprego”.

Un proxecto de provincia

O Parque Central de Galicia articúlase en torno a un monólito colocado xusto nas coordenadas 7º 54’ 38,99” W 42º 45’ 25,15 N, que indican a posición exacta do punto medio da superficie da comunidade autónoma galega. Xunto a el, un templete servirá para resgardarse nas actividades que se celebren ao aire libre e un edificio multiusos con varias dependencias para o desenvolvemento de accións formativas, actividades culturais, medioambientais ou reunións.

Conta tamén con numerosos sendeiros entre unha frondosa carballeira, un parque infantil que inclúe diferentes zonas de xogo adaptadas para todas as idades e un aparcadoiro paralelo á estada provincial LU-P-0301.

Música e degustacións para a súa apertura

A xornada inaugural contou cunha elevada participación de veciños e veciñas da provincia, que se achegaron ata o novo parque para gozar dunha programación festiva con actuacións musicais de grupos como Treixadura, ademais de actividades pensadas para todos os públicos.

O Parque Central de Galicia consolídase así como un novo espazo público de referencia no corazón xeográfico da comunidade, chamado a converterse nun lugar de encontro, convivencia e identidade compartida para a veciñanza da provincia de Lugo e para o conxunto de Galicia.