A Presidenta da Deputación asiste á entrega de Medallas Castelao, que recoñecen ao atleta mariñán Adrián Ben
A Presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, asistiu este domingo ao acto de entrega das Medallas Castelao 2026, unha das máximas distincións institucionais de Galicia que recoñecen a traxectoria de persoas e entidades cunha achega destacada nos ámbitos da ciencia, a cultura, o deporte, a economía e acción social.
Durante o acto, a Presidenta felicitou aos galardoados o e puxo especial atención no recoñecemento ao atleta lucense Adrián Ben, natural de Viveiro e “un dos grandes embaixadores deportivos de Galicia”, ao que definiu como “un exemplo claro de perseveranza, talento e orgullo para A Mariña e toda a provincia de Lugo”.
A Presidenta destacou tamén que o seu percorrido deportivo “é motivo de orgullo colectivo”, non só polos seus éxitos internacionais, senón pola súa forma de competir e pola súa vinculación permanente co territorio. “Cada vez que Adrián Ben compite nunha pista internacional, está representando algo máis que un atleta: representa a unha xeración de mozos e mozas galegos que cren no esforzo, no traballo e na excelencia como camiño”, engadiu.
As Medallas Castelao 2026 recoñecen tamén á científica Mar Capeáns, ao músico Esteban Batallán, á empresaria María Barallobre e á Fundación Andrea, poñendo en valor a diversidade de perfís que contribúen ao progreso e á proxección exterior de Galicia.