Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación aproba un investimento de 200.000€ para a mellora de vías nos concellos de Láncara e Xermade

rede viaria provincial
A Xunta de Goberno deu luz verde a acordos de colaboración para o acondicionamento no municipio lancarés da rúa Antonio López Quiroga, na Pobra de San Xiao, e de pistas nos núcleos de Augalevada, Vilouzán, Galegos, Ariz e Bande, así como para o arranxo de estradas en Roupar, Touza, Penavaqueira e Lousada, na localidade xermadesa

A institución continúa reforzando o seu “compromiso de colaboración cos concellos da provincia para que conten cos recursos necesarios para mellorar os servizos e dotacións da veciñanza”, subliñou a Voceira socialista do Goberno

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres dous acordos de colaboración cos que reforza o seu “compromiso de colaboración cos concellos da provincia para que conten cos recursos necesarios para mellorar os servizos e dotacións da veciñanza”, subliñou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto. 

Por unha banda, a Deputación de Lugo aportará 100.000€ ao Concello de Láncara para acometer un proxecto de mellora da beirarrúa e do firme da rúa Antonio López Quiroga, na Pobra de San Xiao, así como de vías municipais nos núcleos Augalevada, Vilouzán, Galegos, Ariz e Bande. O importe destinado pola institución provincial representa o 92,5% do orzamento total necesario para acometer estas actuacións, mentres que o Concello aporta a cantidade restante. 

García Porto explicou que o proxecto da rúa Antonio López Quiroga “inclúe o recheo da beirarrúa e a rehabilitación do firme, co que mellora as condicións de accesibilidade e de seguridade da vía, na que se sitúan as vivendas sociais, e complementa os traballos que o Concello de Láncara leva a cabo para a construción da glorieta de acceso á Pobra de San Xiao que modifica o acceso existente a esta vía”. 

No caso das pistas municipais ao seu paso polos núcleos de Augalevada, Vilouzán, Galegos, Ariz e Bande, as obras consisten na renovación do firme, o que contribuirá á mellora dos servizos públicos dos veciños e veciñas do rural e tamén beneficiará á actividade agrogandeira e forestal na localidade.

Con este investimento, a Deputación “leva investido no que vai de mandato no concello de Láncara practicamente 2M€ para ofrecer máis e mellores servizos á veciñanza”, destacou a Voceira socialista do Goberno. Dende 2019, a institución provincial achegou fondos para a humanización integral da avenida Benigno Quiroga, para a mellora do firme doutra decena de rúas, o soterramento de liñas de media tensión, o acondicionamento de accesos e camiños nunha quincena de parroquias, a modificación de sumidoiros ou a adquisición de terreos e inmobles do Adif para poñelos a disposición da veciñanza como unha gran espazo público.

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou un investimento de 100.000€ a través dun convenio de colaboración co Concello de Xermade para a reparación de estradas en Roupar, Touza, Penavaqueira e Lousada con obras de rehabilitación que aumentarán a seguridade e a comodidade dos seus usuarios e usuarias. Este orzamento representa o 83% da cantidade total de 120.000€ que é precisa para as obras. O Concello achegará os 20.000€ restantes.

Cos fondos aprobados hoxe, a Deputación leva investido no concello de Xermade dende o ano 2019 un total de 3M€, dedicados a mellorar e ampliar os servizos públicos dos veciños, segundo recalcou Pilar García Porto. Destes recursos económicos, a institución provincial destinou preto do 75% á mellora da mobilidade, a creación de emprego e ás prestacións sociais do municipio xermadés. 

Centros de Atención a Maiores

Na Xunta de Goberno deste venres tamén se aprobou a licitación por un importe de 65.000€ do servizo de mantemento integral das instalacións de protección contra incendios nos Centros de Atención a Maiores de Trabada, Pol, A Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro, Meira, Castroverde, Navia de Suarna e Ribas de Sil. Este contrato terá unha duración de 27 meses dende a súa aprobación.

Por outra banda, o Executivo aprobou a convocatoria e as bases do Premio Otero Pedrayo, así como un orzamento de 22.500€ para a organización, e o nomeamento dos representantes da Deputación de Lugo no galardón.