Máis de 180 veciños e veciñas percorren esta semana o norte e o sur do territorio lucense co Coñece a túa provincia da Deputación

Uns 184 veciños e veciñas viaxarán esta semana co Coñece a túa provincia da Deputación de Lugo. Os participantes pertencen a oito colectivos dos concellos de Mondoñedo, Castro de Rei, Guitiriz, Alfoz, Lugo, Riotorto e Barreiros, e uns percorrerán a comarca mariñá, mentres que os outros descubrirán os atractivos naturais e culturais da Terra Chá ou Lugo.
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, deu a benvida este martes no Salón de Actos do Pazo de San Marcos á Asociación Cultural e Deportiva Billarda Río Miño, de Castro de Rei, que iniciou o seu percorrido coñecendo a historia e o funcionamento da Deputación de Lugo para despois achegarse ata Quiroga. Neste municipio, os viaxeiros desfrutaron dunha visita a unha empresa produtora de viño e aceite e dun obradoiro de artesanía.
Nesta mesma xornada, o Deputado de Medio Ambiente, Carlos López López recibiu aos integrantes da Asociación Cultural O Pasatempo, de Mondoñedo, que iniciaron o percorrido no Mazo de Santa Comba e continuaron ata a Montaña lucense para coñecer a aldea de Piornedo, visitar Navia de Suarna e unha fábrica de embutidos.
Mañá mércores será a quenda dos integrantes da APA do Colexio Público de Lagostelle, de Guitiriz, que partirán da produtora de audiovisuais para logo descubrir algúns dos encantos da Mariña Lucense como o Museo do Mel do Valadouro, o Castelo de Castrodouro, ou a Finca Galea en Alfoz. A Asociación de Veciños San Mamede de Oiras, de Alfoz, tamén participará este mércores no Coñece a túa provincia. Os integrantes deste colectivo partirán do Pazo de San Marcos para logo visitar unha igrexa románica e percorrer o Canón do Sil en catamarán.
O xoves viaxará ata Quiroga a Asociación de Mulleres Rurais Alfinete, de Lugo, e achegaranse ata á Mariña Lucense a Asociación de Veciños San Xosé de Vilaseca, de Riotorto. Os primeiros comezarán no Pazo de San Marcos para despois visitar o Museo Xeolóxico de Quiroga; mentres que os segundos partirán da Granxa Gayoso Castro e continuarán ata a zona de Ourol onde realizarán un percorrido polo cemiterio de Xerdiz e coñecerán a área recreativa da Veiga, en Muras, entre outros lugares.
As visitas desta semana rematarán o venres con dúas entidades. Por unha banda, os integrantes da Asociación de Veciños San Pastor, de Barreiros, coñecerán o Pazo de San Marcos, a abadía de San Clodio ou o Xeomiradoiro de Campodola. Paralelamente, a Asociación Provincial Lucense de Apicultura, de Lugo, iniciará o percorrido no Mazo de Santa Comba e posteriormente visitarán o museo do mel e unha adega en Negueira de Muñiz.
Neste programa tamén se inclúe de balde o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar de orixe, a póliza de seguros de viaxeiros, o menú de xantar e as entradas aos diferentes lugares da visita. Ademais, estas visitas realízanas profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia, así como persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros incluídos nos itinerarios do programa.