Deputación de Lugo
Economía

O Presidente felicita aos irmáns Coira, David Fidalgo e Antonio Pereira polos premios nos Mestre Mateo

cine
Premio Mestre Mateo
José Tomé Roca valorou o “bo momento” do sector na provincia, “como quedou demostrado onte nos galardóns organizados pola Academia Galega do Audiovisual”

O Corpo aberto, producida polo rabadense Jorge Coira, foi o gran favorito con 12 recoñecementos nunha noite na que tamén subiron ao escenario David Fidalgo pola curta Sandwich Cat e Antonio Pereira na categoría de dirección de arte

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, que participou onte na gala de premios dos XXI Mestre Mateo, felicitou aos lucenses que se fixeron en Ourense cun dos galardóns. Nunha gala marcada polo protagonismo da provincia, con preto de medio cento de nominacións, o mandatario provincial sinalou que o “bo momento” do sector no territorio “é moi significativo, como quedou demostrado nos premios organizados pola Academia Galega do Audiovisual”.

O Corpo aberto, producida polo rabadense Jorge Coira, foi o gran favorito con 12 recoñecementos, entre os que figurou o de dirección de arte para o tamén lucense Antonio Pereira. O cineasta David Figaldo, coa súa curta de animación Sandwich Cat, tamén subiu ao escenario a recoller o galardón. Así mesmo, foi premiada a serie Rapa, pola que Jorge Coira foi premiado pola mellor montaxe.

Ademais, o Presidente puxo en valor o traballo de Dani de la Torre coa película Live is Life ou o actor Luis Tosar coa súa interpretación en Código Emperador, tamén nominados nos Mestre Mateo. En total, o talento da provincia acumulou preto de medio cento de nominacións, unha representación “moi importante, que é tamén boa mostra do talento que hai na nosa provincia”, subliñou o mandatario provincial.

Lembrou o Presidente que a institución provincial mantén o apoio ao audiovisual como liña de traballo pola capacidade desta industria cultural para crear riqueza e emprego, e para promocionar o territorio e atraer turismo. Destacou Tomé Roca o papel do Centro de Formación Audiovisual da Deputación, a única escola pública da provincia que ofrece este tipo de ensinanzas, e que ademais é gratuíta agás para o alumnado que repite. Tamén puxo en valor o servizo de Audiovisuais da institución provincial, que dinamiza o sector e promociona a provincia, e apoia economicamente producións audiovisuais rodadas no territorio lucense.