Cooperación concellos
Deputación de Lugo

A Deputación felicita á asociación veciñal Os Cinco Ríos do Corgo polo novo mercadillo que organiza na localidade

O Corgo

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este domingo na inauguración do mercadillo e rastrillo de cousas usadas impulsado pola Asociación de Veciños Os Cinco Ríos do Corgo, unha nova iniciativa que se celebrará a partir de agora na localidade todos os segundos domingos de cada mes.

Rivera Capón felicitou aos membros do colectivo veciñal por esta atractiva cita, que se suma ás moitas actividades que promoven, porque abre “unha nova oportunidade para dinamizar a economía local e atraer visitantes”, e, ó mesmo tempo, afirmou, “é un exemplo da puxanza e do dinamismo do tecido asociativo da nosa provincia”, co que, destacou, a Deputación mantén unha liña de colaboración moi importante.

O arranque deste primeiro rastrillo contou con postos de vendedores ambulantes con produtos de todo tipo, desde roupa e calzado ata mobles, maquinaria ou xoguetes. A xornada estivo amenizada polo grupo corguense A Legua Dereita, e contou cun posto de polbo para o desfrute dos visitantes.

Os Cinco Ríos é unha asociación integrada por veciños e veciñas de todas as parroquias do Corgo, que teñen como obxectivo impulsar distintas propostas, promover actividades e fomentar calquera movemento de interese para a veciñanza.