Deputación de Lugo
Economía

A Deputación participa na inauguración do XVI Salón do Automóbil que se celebra no Pazo de Feiras de Lugo

salón automóbil
pazo de feiras
Lugo
O Deputado de Recursos Sostibles destacou a importancia deste evento, xa “plenamente” consolidado, tan “importante para o sector e para o dinamismo económico da cidade e da nosa provincia no seu conxunto” e no que se reúnen 22 concesionarios

Entre este venres, 10 de marzo, e o domingo 12, as persoas que se acheguen a este espazo poderán comprar vehículos novos e na vindeira fin de semana, entre o 17 e o 19, vehículos de ocasión. O horario de apertura ao público é de 11:00 a 21:00 horas

O Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, participou este venres na inauguración do XVI Salón do Automóbil que se celebra estes días no Pazo de Feiras de Lugo. Na cita estivo acompañado do xerente do Pazo de Feiras, Rubén López; o presidente de Aprevar, Luis Abelleira; e o concelleiro de Xuventude e Deportes do Concello de Lugo, Mauricio Repetto, entre outras autoridades.

Destacou Fernández Rico a importancia deste evento xa “plenamente” consolidado, tan “importante para o sector e para o dinamismo económico da cidade e da nosa provincia no seu conxunto” e no que se reúnen 22 concesionarios, 36 marcas comerciais e onde se expoñerán uns 2.000 vehículos.

“Son datos que falan por si mesmos da importancia deste evento e da aposta pola modernidade dun sector que está trallando sempre pola innovación”, sinalou o Deputado, que destacou que este evento “é unha cita económica de primeiro nivel, pero tamén é un lugar idóneo para coñecer de primeira man as respostas que o sector está a dar ás novas demandas que lle propón a sociedade en temas como a seguridade, a sustentabilidade ou os modelos de mobilidade máis respectuosos co medio ambiente”.

Felicitou Roberto Fernández aos organizadores e puxo en valor o traballo da Deputación de apoio ao tecido produtivo e a promoción económica. “Unha prioridade na acción de Goberno que desenvolvemos, e o sector do automóbil é un dos mellores termómetros cos que medir a marcha da economía”, apuntou.

Entre este venres, 10 de marzo, e o domingo 12, as persoas que se acheguen a este espazo poderán comprar vehículos novos e na vindeira fin de semana, entre o 17 e o 19, vehículos de ocasión. O horario de apertura ao público é de 11:00 a 21:00 horas.