Deputación de Lugo
Formación

O Presidente: “A Deputación de Lugo contribuíu decisivamente para que o Campus Terra lograse a acreditación como campus de especialización”

USC
Campus Terra
José Tomé Roca asistiu este martes ao acto que tivo lugar no Vicerreitorado de Lugo para formalizar este recoñecemento e puxo en valor o apoio decidido e continuado da institución á USC para a creación e o impulso dun campus propio para a provincia

“A nosa colaboración coa Universidade é total e para nós é unha tremenda alegría que ese esforzo se vexa recompensado con esta acreditación que vai permitir que o campus siga medrando nun sector tan importante para a provincia como o primario”, subliñou

A institución provincial mantén unha achega anual á USC de 370.500€ a través dun convenio de colaboración e comparte múltiples iniciativas e proxectos coa Universidade, como o da Granxa Experimental de Leite na finca provincial Gayoso Castro

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asistiu este martes ao acto que tivo lugar no Vicerreitorado para formalizar a entrega á USC da acreditación ao Campus Terra como un campus de especialización. Un recoñecemento que chega a Lugo tras a avaliación dun comité de expertos de fóra de Galicia e que permitirá á Universidade en Lugo fortalecer as súas estruturas como un espazo de docencia e investigación no ámbito agrario, gandeiro, forestal, alimentario e veterinario. No acto participaron tamén a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o Presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o reitor da USC, Antonio López; e o vicerreitor de organización académica do campus de Lugo, Francisco Fraga, entre outras autoridades.

“O apoio continuado da Deputación de Lugo contribuíu decisivamente para que o Campus Terra lograse esta acreditación. A institución foi clave para a creación dun campus propio para a provincia e esa colaboración mantívose ao longo do tempo”, destacou Tomé Roca. O mandatario provincial lembrou que ademais da achega anual á USC por importe de 370.500€ a través dun convenio de colaboración, a institución provincial comparte proxectos e iniciativas coa Universidade como, por exemplo, o da Granxa Experimental de Leite na finca provincial Gayoso Castro, ademais da cesión gratuíta dos terreos necesarios para construír a nova Facultade de Formación do Profesorado.

José Tomé incidiu en que “a nosa colaboración coa Universidade é total e para nós é unha tremenda alegría que ese esforzo se vexa recompensado con esta acreditación que vai permitir que o campus siga medrando nun sector tan importante para a provincia como é o primario. Hoxe é un día excelente para Lugo, para a provincia e tamén para a Universidade e o Campus Terra”.

Destacou o Presidente que o desenvolvemento do Campus Terra está moi relacionado co desenvolvemento da economía da provincia, “porque as titulacións vencelladas co agro, a gandaría, o forestal ou veterinaria polas que destaca o campus de Lugo afectan ao sector primario, que é o principal na nosa provincia”. Tamén valorou Tomé Roca que a revista Forbes colocase recentemente á Universidade de Santiago de Compostela como a primeira entre as 25 máis importantes de España pola súa extraordinaria labor docente e investigadora.

A acreditación do Campus Terra como un campus de especialización chega logo do traballo da USC en Lugo para converterse nun referente científico e social nos ámbitos de coñecemento vinculados á sustentabilidade económica, social e medioambiental do uso da terra, poñendo en valor as capacidades existentes e xerando outras novas para contribuír á construción dun novo modelo de crecemento intelixente, sostible e integrador.

O reitor da USC pon en valor o apoio da Deputación

O reitor da USC destacou na súa intervención “o apoio incondicional e decidido que a Deputación ten feito pola universidade aquí en Lugo, dende a construción dos primeiros edificios, que foron o xermolo do Campus, particularmente a Facultade de Veterinaria e todos os que están ao redor deste edificio”.

Antonio López engadiu que a institución provincial “non actuou só de forma decidida hai 40 anos, senón que sigue actuando de forma decidida cada vez que lle pedimos algo” e destacou a cesión dos terreos para acometer o traslado da Facultade de Formación do Profesorado e a súa colaboración con outros proxectos esenciais para a actividade docente e investigadora, como a Granxa Gayoso Castro. Manifestou que outras deputacións apostan por outras políticas, pero “a de aquí, ademais de facer outras cousas, ten unha aposta decidida pola Universidade que nunca nos cansaremos de agradecer e que permite logros como o de hoxe”.

Entre os obxectivos prioritarios do Campus Terra como campus de especialización estarán o de exercer como referente do sector primario galego, un impulso dunha oferta baseada na súa área de especialización, e a aposta por unha investigación excelente vencellada á contorna e ao fortalecemento das relacións estratéxicas co tecido produtivo, social e científico tecnolóxico da provincia.