A Deputación achega 260.000€ para a mellora en Vilalba de diferentes espazos públicos
Valorou Tomé Roca que se trata dun acordo “moi importante para a veciñanza de Vilalba, que permitirá facer varias melloras de calidade urbana” e adquirir maquinaria que suporá “un aforro significativo en mantemento eléctrico municipal”
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a Alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco Seoane, veñen de asinar no Pazo de San Marcos un acordo de colaboración polo cal a institución provincial achegará máis de 260.000 euros para mellorar diferentes espazos públicos da capital chairega.Este acordo servirá para construír un parque infantil no Campo da Feira, remodelar o de Rosalía de Castro; rehabilitar o firme no acceso ao barrio das Fontiñas e na rúa do Rego; dotar de dúas canastras ao CEIP Mato Vizoso e dotar dun vehículo para o servizo eléctrico municipal.
“Asinamos unha colaboración moi importante para a veciñanza de Vilalba. Dunha banda, este acordo permitirá facer varias melloras de calidade urbana, facilitando a accesibilidade e a seguridade viaria e dotando de novos espazos de lecer para a infancia; dúas cuestións cun impacto esencial na economía local e no desenvolvemento da vida social”, explicou Tomé Roca. “Doutra banda, conseguimos ademais un aforro significativo en mantemento eléctrico municipal, mellorando ademais o servizo que se presta desde o Concello, axilizando o tempo de resposta”, engadiu.
Vilalba mellorará e ampliará os seus espazos infantís con cargo a estes fondos. No Campo da Feira, do lado da pista multiocio, construirase un parque infantil que contará cunhas dimensións de 180 metros cadrados. Instalarase un pavimento de caucho continuo de dobre capa en toda a superficie, delimitada por unha valla de madeira en postes e traveseiros. O espazo contará cun balancín de dúas prazas e unha rede de xogos. Ademais contará coa iluminación de dous farois e catro proxectores.
Tamén se remodelará a zona infantil do parque de Rosalía de Castro. Substituirase o pavimento de caucho existente e tamén e a valla, de 100 metros cadrados e renovaranse todos os xogos, instalando unha casiña, un xogo múltiple con tobogán, bambán e redes. Ademais, este investimento da institución provincial servirá tamén para dotar e instalar un xogo de dúas canastras no pavillón do CEIP Mato Vizoso.
Mellora da mobilidade
Este acordo permitirá tamén mellorar a mobilidade da capital chairega coa rehabilitación do firme no acceso ao barrio das Fontiñas e na rúa do Rego. No caso da vía que dá acceso ás vivendas situadas neste residencial de Fontiñas desde a rúa Conde Pallares, haberá que fresar os preto de 200 metros de firme, repavimentar con aglomerado en quente e repoñer a sinalización co pintado de marcas lonxitudinais e transversáis.
O proxecto contempla ademais a remodelación da segunda parte da rúa do Rego, desde a altura do número 2 ata o final da mesma. Neste caso, darase continuidade á intervención realizada no primeiro tramo, no acceso desde o cruce coa rúa Plácido Peña, nunha intervención que mellorará a seguridade e a comodidade de vehículos e peóns. As obras consistirán na demolición do pavimento e beirarrúas existentes para a pavimentación dun área de 430 metros cadrados de plataformaúnica de formigón en masa, tamén se executará a conexión coa rede de saneamento municipal e dos elementos de condución e recollida de augas pluviais.
Un vehículo para o servizo eléctrico
Os fondos da Deputación servirán tamén para a adquisición dunha plataforma aérea telescópica con camión portador para a súa adscrición ao servizo eléctrico do Concello. Unha compra que permitirá un acceso máis rápido aos traballos de mantemento eléctrico, como a iluminación pública, sinais e mantemento de redes, permitindo un aforro económico e enerxético importante e reducindo os tempos de resposta.