Deputación de Lugo
Medio ambiente

A Deputación celebra a festa da colleita nos hortos urbanos do Rato con música e xantar popular

hortos urbanos
O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento acompañou este domingo a preto dun centenar de persoas que desfrutaron desta xornada de convivencia e dinamización organizada pola institución nas inmediacións das parcelas

O Deputado de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento e Alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez, acompañou este domingo aos usuarios e usuarias dos hortos urbanos do Rato na festa da colleita organizada pola Deputación. A xornada combinou convivencia, cultura e dinamización en comunidade, e congregou a preto dun cento de persoas na carballeira que está ao carón das parcelas.

O evento incluíu un xantar popular ao aire libre, no que se degustaron produtos cultivados nos propios hortos, acompañado de actuacións musicais, como as interpretacións de gaita e zanfona de Emilio e o concerto de Trastiños de Castelo, así como exposicións e pequenas exhibicións, entre elas de taichí. A actividade ten como obxectivo fomentar a participación cidadá, potenciar os valores educativos e sociais dos hortos urbanos, e ofrecer aos participantes unha experiencia de convivencia e desfrute do medio natural. 

A día de hoxe, a Deputación conta con 140 hortos activos e en funcionamento (dos 150 que dispón en total no paseo do Rato). Estes espazos promoven a agricultura ecolóxica, a concienciación ambiental e o lecer saudable. O uso concédese de forma gratuíta, priorizando persoas en desemprego, con rendas baixas, familias numerosas, xubilados, colectivos sen ánimo de lucro e centros educativos. Ademais, os beneficiarios contan con mantemento, asesoría e cursos de formación ofrecidos pola Deputación.

 

Festa da colleita