A Deputación colabora con Auxilia Lugo na mellora da autonomía persoal de persoas con discapacidade

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, acompañado do Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, asinou un convenio de colaboración coa presidenta de Auxilia Lugo, Nuria Neira Vila, polo que a institución provincial achega 5.000 euros a esta entidade social para desenvolver un programa de mellorada autonomía persoal no domiciliode persoas con discapacidade.
Na procura de acadar a igualdade de oportunidades e mellorar a calidade de vida deste colectivo, a institución provincial colabora con Auxilia Lugo para ofrecer atención domiciliaria, asesoramento e formación individualizada a persoas con diversidade funcional física grave e severa,cun alto grado de dependencia, e con escasos recursos económicos das comarcas de Lugo e Sarria.
Na visitas domiciliarias, Auxilia Lugo avalía as necesidades no fogar das persoas discapacitadase ofrécelles información das axudas, recursos e produtos de adaptacións específicos a súa situación para eliminar barreirase que así acaden unha vida máis autónoma, plena e independente retardando un posible ingreso nun servizo residencial.
Esta entidade lucense realiza ademais un traballo para mellorar as súas habilidades sociais e autoestima e ofrécelles orientación laboral e formación en ferramentas dixitais para a busca activa de emprego a través de internet. O programa presta especial atención á potenciación das capacidades das mulleres con diversidade funcional que viven no rural para favorecer o seu empoderamento e que acaden maior participación e inclusión no entorno no que viven.
Auxilia Lugo traballa pola incorporación plena das persoas discapacitadas na sociedade. Na provincia de Lugo unhas 2.800 persoas teñen problemas de mobilidade reducida e ao redor de 1.900 precisa da axuda dunha terceira persoa.