O Presidente festexa Santa Rita cos traballadores e traballadoras da Deputación

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presidiu este martes a celebración do Día de Santa Rita, patroa do funcionariado local, que tivo lugar no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. Na cita homenaxeouse a 10 persoas da institución provincial que deixaron este último ano de prestar servizo público nas áreas de Vías e Obras, Parque Móbil, Granxa Gayoso, Boletín Oficial Provincial, Arquivo e o Museo Provincial, Unidade de Xestión e Recadación.
“Esta xornada é moito máis ca un simple encontro institucional: é un momento para recoñecer, celebrar e agradecer o labor diario de todas as persoas que fan posible o funcionamento desta casa”, apuntou. “Detrás de cada expediente tramitado, de cada chamada atendida, de cada servizo posto en marcha, hai unha persoa entregada ao ben común”, engadiu.
O Presidente entregou un agasallo ás persoas que deixaron de prestar servizo na institución e aos familiares dos traballadores finados no pasado ano. Tamén entregou un detalle aos gañadores dos torneos de fútbol e pádel organizados entre os empregados e empregadas públicos. Unha vez rematado o acto, fíxose unha fotografía de familia e xunto ao cadro de persoal desfrutaron dun ágape.