Deputación de Lugo

O Presidente inaugura en San Marcos a exposición de fotoxornalismo Gaza: o eco dos esquecidos

Gaza
José Tomé convidou a visitar esta mostra, “que amosa o impacto dunha crise humanitaria que non pode deixarnos indiferentes”, e advertiu que “millóns de persoas sofren as consecuencias dun conflito prolongado”

O mandatario provincial apelou ao compromiso internacional e reivindicou que “desde a Deputación queremos expresar con serenidade e claridade que é necesario poñer fin a esta situación, garantir a protección da poboación civil e facer valer o dereito internacional e os principios humanitarios”

A mostra pódese ver ata o 17 de xuño na Sala de Exposicións do Pazo provincial e compleméntase co ciclo de cine euroárabe Amal en Ruta Lugo2025, que arranca hoxe coa proxección The Teacher

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, inaugurou este martes no Pazo de San Marcos a exposición Gaza: o eco dos esquecidos, unha proposta de fotoxornalismo que documenta o drama humanitario na Franxa de Gaza a través das olladas de tres fotoxornalistas palestinos. A mostra poderá visitarse ata o 17 de xuño e chega á cidade da man da Fundación Araguaney–Puente de Culturas, coa colaboración da institución provincial.

Durante o acto, José Tomé Roca estivo acompañado pola deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto; o director da Fundación Araguaney, David Rodríguez Seoane; o director da Cátedra USC-Araguaney para o Diálogo entre Culturas, Fuco Sanjiao Otero; e o comisario da mostra, Cibrán Meléndez Cabo.

O Presidente explicou que esta programación ten como obxectivo “achegar cultura, reflexión e humanidade á cidadanía da provincia”, e destacou que “as imaxes que verán nesta sala falan con crudeza, pero tamén con verdade. Mostran o impacto dunha crise humanitaria que non pode deixarnos indiferentes”. Puxo o foco na situación da Franxa de Gaza, “onde millóns de persoas seguen atrapadas nun conflito prolongado, con consecuencias devastadoras”. Neste senso, ilustrou esta realidade poñendo como exemplo que “Gaza ten o tamaño de Vilalba. Imaxinádevos dous millóns de persoas sendo bombardeadas cada día, cercadas, nun espazo do tamaño de Vilalba. Esa é a magnitude do drama”.

Así mesmo, Tomé Roca apelou á responsabilidade colectiva internacional, subliñando que, “desde a Deputación de Lugo queremos expresar con serenidade e claridade que é necesario poñer fin a esta situación, garantir a protección da poboación civil e facer valer o dereito internacional e os principios humanitarios que compartimos como comunidade democrática”. Finalmente, o Presidente agradeceu o labor das entidades colaboradoras e reafirmou o compromiso da institución provincial para “continuar apoiando proxectos como este, que nos axuden a entender o mundo e a implicarnos nel desde os valores da paz, da igualdade e da solidariedade”.

26 fotografías e vídeos testemuñais de fotoxornalistas gazatís

A exposición Gaza: o eco dos esquecidos está composta por 26 fotografías e vídeos testemuñais dos fotoxornalistas palestinos Mohammed Zaanoun, Ahmed Zakot e Abood Abu Salama. Organizada no marco da Cátedra USC–Araguaney para o Diálogo entre Culturas, a mostra ofrece unha mirada íntima, directa e profundamente impactante sobre a vida cotiá na Franxa de Gaza, marcada polo asedio, a destrución e a resistencia da súa poboación civil.

A exposición estrutúrase en catro bloques temáticos. Comeza cun contexto histórico, que inclúe tres fotografías en gran formato que ilustran os bombardeos e o estado de destrución da cidade. A segunda sección céntrase nas persoas e nas súas vivencias, mediante 13 fotografías que mostran a vida da poboación civil en situacións límite, acompañadas de declaracións de líderes israelís. Un dos elementos máis conmovedores desta parte é a presenza dunha instalación artística elaborada con sudarios. Na terceira, o visitante pode achegarse á vida diaria baixo as bombas: as colas da fame, a chegada da axuda humanitaria, os momentos de lecer no medio da devastación e os movementos migratorios forzados. Por último, a mostra conclúe cun espazo dedicado ao audiovisual, no que se proxecta un documental e se recollen os testemuños en primeira persoa dos tres fotoxornalistas palestinos.

Ciclo Amal en Ruta Lugo, todos os martes 

Esta iniciativa expositiva complétase cun ciclo de cine euroárabe AMAL en Ruta Lugo 2025, que arrincou hoxe no Salón de Actos do Pazo de San Marcos coa película The Teacher, da directora Farah Nabulsi. O obxectivo é achegar a sociedade árabe a Galicia, abordando temas como a situación en Gaza, os dereitos da muller en Xordania ou a chegada de refuxiados a Europa. 

Baixo o lema Existir é resistir, a programación inclúe catro longametraxes e un documental–cintas en versión orixinal subtituladas en castelán–, que supoñen un percorrido polo mellor cine árabe da actualidade.  Poderanse ver desde o martes, 20 de maio, ao martes, 17 de xuño, no salón de actos da Deputación de Lugo, ás 20:00 horas. O acceso ás proxeccións é libre e gratuíto ata completar o aforo da sala.

O calendario destas producións de gran recoñecemento en festivais cinematográficos internacionais é o seguinte: 

  •  20 de maio: The Teacher – Farah Nabulsi
  •  27 de maio: Inshallah Walad
  •  3 de xuño: Bye Bye Tiberias (documental)
  •  10 de xuño: To a Land Unknown
  •  17 de xuño: The Old Oak