Cooperación concellos
Deputación de Lugo

Os 67 concellos da provincia disporán de 10,6M€ para medidas sociais ante o Covid-19 grazas ao Plan Único da Deputación

plan único
Cooperación cos Concellos
coronavirus
O Pleno, o 1º telemático na historia da institución, aprobou as bases deste programa de investimentos, que inxectará de maneira directa 21,3M€ nos concellos, fundamentais non só para velar pola calidade de vida e o benestar da cidadanía, senón tamén e de maneira moi importante para a reactivación da economía e do emprego

As bases amplían os prazos para que as entidades locais teñan a marxe suficiente para acometer e prestar os servizos que sufragarán con cargo a estes fondos

Tomé Roca tivo palabras de recoñecemento para a sociedade lucense e para todos os profesionais que loitan contra a crise sanitaria do coronavirus. A Corporación provincial gardou un minuto de silencio en lembranza dos falecidos pola pandemia

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou este xoves nunha sesión extraordinaria o Plan Único 2020, a través do que os 67 concellos da provincia poderán dispoñer de máis de 10,6M€ para impulsar medidas sociais ante o Covid-19 grazas á decisión do Goberno provincial de adaptar as bases para crear esta nova liña de gasto. En total, o Plan Único inxectará de maneira directa nos municipios lucenses 21,3M€, 300.000 máis que o ano pasado, “un auténtico pulmón de osíxeno para todos os concellos na situación de crise sanitaria e tamén económica que estamos padecendo”, subliñou o Presidente, José Tomé Roca. 

O programa de investimentos saíu adiante cos votos a favor do PSdeG e do BNG e coa abstención do PP nun Pleno telemático, o primeiro na historia da institución que se celebrou por videoconferencia e que, con preto de dúas horas de duración, se desenvolveu con total normalidade. Foi retransmitido en streaming a través da plataforma Youtube, ao mesmo tempo que se gravou para entregar ao seu remate ao servizo de Actas para a súa transcripción.

O Presidente subliñou que “o Plan Único supón unha inxección económica fundamental para os concellos da provincia, un auténtico pulmón de osíxeno para todos eles no momento no que estamos vivindo”, pois contribuirá, non só a cubrir servizos sociais e velar pola calidade de vida e o benestar da cidadanía, senón tamén e de maneira moi importante á reactivación da economía e do emprego unha vez rematado o estado de alarma. Este programa repercutirá na contratación sobre todo de pequenas e medianas empresas, moitas de ámbito local, o que axudará a recuperar o pulso das economías locais. 

A voceira provincial do PSdeG, Pilar García Porto, explicou que, ademais da adaptación das bases para que os municipios que así o necesiten queden exentos da obriga de destinar o 50% da achega da Deputación a investimentos para poder dedicar ese importe a cubrir e resolver as necesidades que xurdan a raíz do impacto do coronavirus, outra da novidades do Plan Único 2020 é a flexibilización dos prazos para que os concellos teñan a marxe suficiente para acometer e prestar os servizos que sufragarán con cargo a estes fondos. Así, amplíase un mes tanto o prazo de contratación, pasando do 30 de setembro ao 30 de outubro, como o prazo para adxudicar os investimentos, quedando ata o 30 de novembro. Os concellos seguirán podendo utilizar as baixas ou aforros noutros investimentos, aínda que de xeito limitado, para non lastrar nin distorsionar os orzamentos das futuras anualidades. Así mesmo, introdúcese unha nova cláusula para velar polos dereitos dos traballadores garantindo o cumprimento dos convenios colectivos sectoriais.

Os fondos distribúense entre os 67 municipios da provincia en base a criterios obxectivos, como son a poboación, a superficie, a dispersión territorial e a taxa de envellecemento, de acordo aos datos oficiais de 2019, cun máximo de 500.000€ para os concellos de máis habitantes e, de 200.000€, para os de menos.  

Agradecemento
Ao inicio da sesión plenaria, o Presidente tivo palabras de agradecemento e recoñecemento para todas as persoas que nesta crise sanitaria son heroínas anónimas.  Tomé Roca referiuse aos sanitarios, axentes e forzas de seguridade do Estado, Forzas Armadas, profesionais que participan na cadea alimentaria e, en xeral, todas as persoas que seguen a traballar estes días para contribuír a superar a crise do coronavirus. Ademais, puxo en valor a actitude e comportamento da veciñanza da provincia ao cumprir co seu deber de confinamento nos fogares. “Cada un de nós ten unha función neste novo escenario e temos o deber de cumprila”, subliñou. “É o momento de estar máis unidos e fortes porque a unidade de acción é unha condición indispensable para superar esta emerxencia sanitaria”. Antes do debate, gardouse un minuto de silencio en lembranza das persoas falecidas por esta pandemia.