As XXII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite reunirán a máis de 700 profesionais co apoio da Deputación
“O sector primario é estratéxico para o futuro da provincia e cada decisión que tomamos vai orientada a acompañalo e fortalecelo. Facémolo apoiando iniciativas como estas e a través de proxectos propios como a Granxa Gayoso Castro e o Centro Experimental de Leite” avanzou Rivera Capón
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, xunto ao presidente de Seragro, Víctor Manuel Manrique Arroyo, presentou este luns na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos a vixésimo segunda edición das Xornadas Técnicas de Vacún de Leite. Esta cita, de referencia para o sector e organizada por esta entidade, terá lugar o 13 e o 14 de novembro na Facultade de Veterinaria de Lugo. A institución provincial colabora co evento, que reunirá a máis de 700 profesionais -entre gandeiros, técnicos e expertos do sector-, cunha achega económica de 12.000€.
Rivera Capón puxo en valor estas xornadas “porque ofrecen algo que o sector valora especialmente: información rigorosa, formación práctica e visión de futuro”. Nesta liña, destacou a “profunda transformación que está a vivir con novas normativas ambientais, maiores esixencias en materia de benestar, avances tecnolóxicos e unha competencia crecente”.
“O sector primario é estratéxico para o futuro da provincia e cada decisión que tomamos vai orientada a acompañalo e fortalecelo. Facémolo apoiando iniciativas como estas, que fan máis forte o tecido produtivo, e facémolo tamén a través de proxectos propios como a Granxa Gayoso Castro e o Centro Experimental de Leite, que están pensados para aportar innovación, coñecemento, servizos e aforro aos gandeiros e gandeiras da provincia”, resaltou.
Pola súa banda, o presidente de Seragro agradeceu o apoio da institución provincial e destacou que “o obxectivo é promover un foro de convivencia, formación e debate sobre as últimas novidades relacionadas coa gandería de produción de leite e dirixido a todas aquelas persoas que traballan no sector”. Destacou tamén que participarán técnicos de prestixio nacional e internacional.
Programa
13 de novembro
10:00 horas: Inauguración.
10:30 horas: O sector galego: situación actual e transformacións recentes – José Manuel Andrade Calvo, director da Fundación Juana de Vega, A Coruña.
11:00 horas: Principios básicos de ventilación e orientación de naves de recría – Felipe Fraga Martínez, Servizo de Recría de Seragro SCG.
11:30 horas: O comezo define o futuro: enfermidades en idades temperás e a súa pegada permanente – Laura Molina Moreno, profesora asociada na Facultade de Veterinaria de Córdoba.
12:00 horas: Pausa do café.
12:30 horas: A recría en Finca Fonteboa – Sandra Mella Ríos, empregada de Finca Fonteboa, Frades (A Coruña).
13:00 horas: Recría: a base do futuro – Ares Rubies Corrales, auxiliar veterinaria; xestión e formación de persoal na recría na Granxa San José, Huesca.
13:30 horas: Xantar.
15:30 horas: Great People, Great Cows, Great Returns [Grandes persoas, grandes vacas, grandes ganancias] – Jordan T. Masthtews, socio de Rosy Lane Holsteins LLC, Wisconsin (EE. UU.).
16:15 horas: A reprodución en vacas de leite: cando é o mellor momento para inseminar? – Sonia Rodríguez Pazos, Servizo de Reprodución de Seragro SCG.
16:45 horas: Efecto do tipo de muxido no pico de produción e os compoñentes do leite en vacas leiteiras – Liliana Fadul, analista de datos de Lactanet.
17:15 horas: Como optimizar a alimentación en sistemas de muxido robotizado. Claves e consellos para unha xestión eficiente – Miguel Iglesias Naredo, Xefe de Produto Vacún de Leite de Deheus.
17:45 horas: Encontro gandeiro.
14 de novembro
11:00 horas: O marco laboral no sector agrario e gandeiro: da norma á práctica – María Jesús Asorey Cea e Noa García Rey, AUSUM, Asesores e Avogados.
11:30 horas: Caderno de Campo e obrigas medioambientais – Víctor Novo Vázquez, Xefe do Servizo de Sanidade e Produción Vexetal da Consellería do Medio Rural, Xunta de Galicia.
12:00 horas: Revisión de lotes? – Javier Fernández López, Servizo de Podoloxía de Seragro SCG.
12:30 horas: Pausa do café.
13:00 horas: Saúde podal: o cambio de paradigma na prevención – Arturo Gómez, veterinario consultor, integrante do equipo de Investigación e Desenvolvemento de Zinpro.
13:30 horas: Tecnoloxía e intelixencia natural no sector gandeiro – Javier Bueno Lema, profesor titular na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, Campus Terra USC.
14:00 horas: Xantar.
16:00 horas: Gandaría Liste, xestión das forraxes con maquinaria propia – Carlos Liste Pose, socio de Gandaría Liste SL, Trazo (A Coruña).
16:30 horas: Lodos e Pérez, producir forraxes sen maquinaria – Juan Carlos Lodos Pérez, socio de SAT Lodos e Pérez, A Pastoriza (Lugo).
17:00 horas: Intelixencia artificial na granxa: como os datos transforman o sector leiteiro – Pol Lungh Olbols, profesor universitario e investigador, experto independente na Plataforma Benestar Animal do Consello Europeo.