Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo pon en marcha un Centro de Innovación Territorial para promover o emprego na zona rural e fixar poboación

Centro de Innovación Territorial
O centro conta con cinco profesionais, un plan de traballo ata 2029 e afronta o reto de seguir captando financiamento externo

A modernización do sector primario, a conexión de profesionais e empresas e a formación dixital dos veciños para mellorar o acceso a servizos públicos son algunhas liñas de traballo

O centro lucense é promotor dunha axenda compartida de CITs de doce provincias cunha importante superficie de territorio rural

A Deputación de Lugo acaba de poñer a funcionar un Centro de Innovación Territorial (CIT) co obxectivo de aplicar solucións tecnolóxicas e industriais ao medio rural para xerar emprego e frear a perda de poboación na provincia.

O proxecto arranca cun equipo de cinco profesionais que se encargará de abrir e xestionar sedes físicas en Navia e Burela, que se sumarán á da sede da Deputación. Haberá persoal permanente nese lugares e outro que se desprazará polos concellos. 

O CIT da provincia de Lugo nace como un espazo de cooperación público-privada, para conectar a administracións, empresas, universidades, centros de investigación e sociedade civil. O seu propósito fundamental é reactivar a economía local, facilitar o emprendemento, transferir innovación e fixar poboación no territorio.

O centro conta cunha coordinadora xeral e dous técnicos que serán os encargados de analizar necesidades, captar financiamento e dinamizar redes. Están apoiados por dous profesionais na área de comunicación, atención de consultas e soporte administrativo. 

Un dos obxectivos: captar financiamento para proxectos relacionados coa auga

Unha das liñas de traballo do CIT é a obtención de fondos europeos e estatais para financiar proxectos que sexan estratéxicos para o territorio e que xeren emprego e activen a economía. Tamén buscará financiamento para tratar de rehabilitar e dar uso a instalacións que son propiedade da Deputación, como pode ser o antigo hospital psiquiátrico de Castro Ribeiras de Lea, no municipio de Castro de Rei.

Nunha recente visita ao centro de traballo do CIT no pazo de San Marcos, a presidenta da Deputación, Carmela López, trasladoulle ao equipo a necesidade de explorar vías de financiamento para proxectos relacionados coa captación e a subministración de auga, xa que é unha das demandas que máis recibe dos concellos ante o cambio climático.

Modernización do sector primario e adaptación á nova realidade climática

Outra das liñas de traballo do CIT será apoiar a modernización do sector primario. Os técnicos traballarán a pé de campo como axentes de innovación para conectar as cooperativas con provedores tecnolóxicos e crear casos de éxito replicables. 

O plan de traballo contempla a posibilidade de levar a cabo acción concretas, como algunhas das que se deseñaron para o Pazo de Tor (Monforte de Lemos). Porén, será máis adiante, unha vez os técnicos estuden con máis detemento as necesidades do territorio e a viabilidade das iniciativas propostas, cando se decidirá cales se priorizarán.

Outro eixo de acción será a xeración de emprego e a retención de profesionais. Prevese a creación dunha plataforma dixital, para conectar profesionais, tanto locais como emigrados que queran regresar ao territorio, coas empresas da provincia. O proxecto inclúe eventos de traballo en rede (networking) para visibilizar ofertas de emprego cualificado e facilidades para o teletraballo no rural. 

A Deputación alíase con outras once provincias

O CIT de Lugo acaba de botar a andar pero destaca xa por ser unha das entidades promotoras da Axenda Compartida CITs, unha iniciativa respaldada polo MITECO que reúne a 12 provincias de 9 comunidades autónomas (como Asturias, Burgos, Cáceres, Jaén ou Lleida, entre outros) para articular a acción colectiva de actores públicos e privados de varios territorios ante retos sistémicos que ningunha entidade pode abordar en solitario. O obxectivo deste grupo promotor é actuar como un único interlocutor ante o Goberno de España e as institucións europeas para conseguir investimentos directos destinados ao medio rural.

Neste senso, o pasado venres 24 de setembro, a coordinadora do CIT da provincia de Lugo, Taís Landeira Fernández, participou en Sevilla na presentación desta Axenda. 

A estratexia conxunta da Axenda Compartida CITs busca poñer en valor o capital natural renovable das provincias rurais —que concentran máis do 30% dos recursos naturais do país, pero só o 14% da poboación activa— para xerar novas actividades industriais e fixar poboación. Grazas ao seu forte potencial forestal, agrario, gandeiro e litoral, Lugo parte dunha posición sólida neste grupo. 

O encontro reuniu tamén a representantes do Ministerio de Ciencia e a grandes empresas como Veolia, Moeve ou Redeia interesados en investir neste tipo de proxectos. Tras a cita de Sevilla, a Axenda iniciará unha rolda de presentacións ante fondos de investimento en Madrid (6 de outubro), Barcelona (13 de outubro) e Bruxelas (25-26 de novembro).

Lugo: un territorio de oportunidades en cifras

A implantación do CIT da provincia de Lugo responde ás necesidades demográficas e socioeconómicas particulares de Lugo, unha provincia conformada por 67 municipios e 13 comarcas. Cunha extensión territorial de 9.856 km² —a maior de Galicia—, o territorio presenta unha densidade de poboación de 33,07 habitantes por km² e unha poboación total de 326.022 habitantes, cunha idade media de 50,50 anos (IGE 2025).

No plano laboral, a taxa de desemprego sitúase nun 6,56% en homes e nun 7,94% en mulleres. A súa estrutura económica (segundo o informe Lugo en Cifras 2024) reflicte o liderado do sector Servizos (67,40%), seguido da Industria (14,70%) —moi vinculada á transformación agroalimentaria e madereira—, a Agricultura e Pesca (10,50%) —cun peso crítico en gandería láctea e silvicultura moi superior á media nacional— e a Construción (7,40%).