Cooperación concellos
Deputación de Lugo
Infraestruturas

A Deputación retoma o proxecto para o acceso directo do polígono de Cervo coa N-642

Polígono industrial
Cervo
Os servizos técnicos da Deputación están actualizando o documento técnico e consultando aos organismos que deben emitir informes favorables, o Ministerio de Transportes, Adif e a Consellería de Medio Ambiente

O goberno da Deputación traballa desde hai varias semanas na reactivación do proxecto para construír un acceso directo dende o parque empresarial de Cervo á N-642. Trátase dunha vella demanda do tecido empresarial para dispoñer dunha conexión máis cómoda dende a estrada provincial que pasa a carón da superficie industrial, a LU-P 1510, ata a vía de maior capacidade. A presidenta da Deputación, Carmela López, decidiu impulsar esta infraestrutura tras a visita realizada ao lugar hai uns meses.

O novo vial terá unha lonxitude de 1,440 quilómetros. O proxecto técnico está practicamente listo, posto que só se trata de adaptar á realidade actual o documento que foi elaborado hai máis dunha década. 

Unha vez o novo proxecto sexa aprobado pola xunta de goberno provincial procederase a aprobar o proxecto de expropiación das parcelas que se necesitan ocupar para, inmediatamente, comezar o proceso de adquisición. 

Paralelamente, a Deputación tramitará os informes sectoriais preceptivos, para o que xa fixo consultas nas últimas semanas con algunhas administración. O proxecto ten que ser autorizado polo Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, porque o novo vial entroncará coa N-641; por Adif (Administrador de Infraestruturas Ferroviarias del Estado), xa que na parte máis próxima ao polígono a nova estrada deberá salvar a vía do tren, e pola Consellería de Medio Ambiente, como procede con calquera nova infraestrutura. Ao non haber patrimonio natural protexido na zona na que se actuará será suficiente unha avaliación ambiental simplificada.

O estado do proxecto

O polígono de Cervo foi promovido e executado pola Xunta de Galicia a través da empresa pública Xestur. A construción do vial de conexión coa N-642 proxectouse en dous tramos e o deseño tamén foi realizado por Xestur hai máis de dúas décadas. 

A execución do vial proxectárase en dous treitos. En virtude ao acordo alcanzado nese momento entre a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia, a institución provincial encargouse do movemento de terras do primeiro treito, o máis próximo ao polígono, duns 700 metros. A administración autonómica debía facer a capa de firme, pero non chegou a executala.

Respecto, ao segundo treito, a obra estivo contratada e o proceso de expropiación iniciado, dentro do Plan Operativo Local (POL) de 2004. Porén, houbo propietarios que presentaron alegacións, como as recibidas en decembro de 2005 e xaneiro de 2006, pero estas non foron contestadas, polo que a obra non puido iniciarse, segundo a información que consta nos arquivos da Deputación, á que o PP tivo acceso nos últimos meses. A Deputación resolveu o contrato en 2008.

O goberno que dirixe Carmela López vén de retomar agora os traballos para impulsar esta infraestrutura.