O Presidente participa na homenaxe ao Gobernador Civil Ramón García Núñez, fusilado en 1936
O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, asistiu este xoves aos actos organizados na Subdelegación do Goberno en Lugo para homenaxear ao último Gobernador Civil republicano da provincia, Ramón García Núñez (Vilagarcía de Arousa, 1906). Fusilado o 21 de outubro de 1936 en Lugo, a morte de García Núñez converteuse nun dos símbolos da represión franquista ao aparato civil da II República. “Representa o valor do servizo público asumido con integridade nun tempo de incerteza e a dignidade de quen afrontou as consecuencias do período máis violento da nosa historia recente cunha humanidade que recoñecemos con todo o respecto”, valorou o mandatario provincial sobre a súa figura.
Familiares de García Núñez, o Alcalde de Concello de Lugo, Miguel Fernández Méndez, e o Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, participaron tamén deste acto que contou con numerosas autoridades e representantes da sociedade civil. Rematadas as intervencións, un representante da familia e o Delegado do Goberno descubriron unha placa en memoria do Gobernador.