O Pazo acollerá o sábado a primeira xornada da Liga Galega de Karate, con 639 deportistas de 33 clubs
O Pazo acollerá este sábado -29 de novembro- a primeira xornada da Liga Galega de Karate, que reunirá 639 deportistas, desde prebenxamín ata junior, de 33 clubs de toda Galiza.
A representación lucense correrá a cargo de Club de Karate de Chantada, Escola Dajankai de Lugo, Escola Deportiva Shihan de Lugo e Full Karate Club Galaico de Lugo, cun total de 150 deportistas.
A competición desenvolverase en xornada de mañá e tarde, en seis tatamis, un reto organizativo para a Federación Galega como sinalou na presentación do evento o presidente da entidade, Óscar Lafuente, que agradeceu a cesión do Pazo para a celebración da xornada.
O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro e a deputada de Cultura Iria Castro convidaron a asistir ao evento, con entrada de balde, e mostraron a súa satisfaccion “por acoller esta xornada no Pazo, ofrecendo a deportistas e clubs de Lugo a posibilidade de competir preto da casa”
A competición estrutúrase en dous niveis: iniciación e avanzado. Iniciación restrinxido a aqueles deportistas que teñen as súas primeiras experiencias competitivas e non foron medallistas nalgunha competición oficial na actual tempada. Avanzado, de acceso libre pero obrigatorio para aqueles deportistas que teñan conseguido medalla nalgunha competición oficial. Poderase seguir en directo a través da canle de YouTube da Federación Galega de Karate e da plataforma web Karate Scoring.