Medio Rural e do Mar, Mocidade
Deputación de Lugo

Ciencia á Feira aposta na súa terceira edición polo audiovisual e as redes sociais para achegar á cidadanía o coñecemento que xenera o Campus Terra

VICEPRESIDENCIA DEPUTACIÓN LUGO
RURAL
CIENCIA Á FEIRA
XUVENCIENCIA
DIVULGACIÓN CIENTÍFICA
Campus Terra
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora no financiamento deste proxecto do grupo de investigación XuvenCiencia

Esta tarde presentouse no Pazo de San Marcos a terceira edición do proxecto de ciencia comunitaria Ciencia á Feira, creado polo grupo de innovación docente XuvenCiencia do Campus de Lugo da USC, con financiamento da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología.

Nesta terceira entrega,  a labor divulgativa de Ciencia á Feira concrétase na creación de materiais audiovisuais sobre os ámbitos e proxectos de investigación máis punteiros que se desenvolven no campus lucense para a súa difusión en webs educativas, asociacións comunitarias, espazos institucionais e redes sociais.

As enfermidades transmitidas por carrachas, o impacto das velutinas, a xestión sustentable da auga, a resistencia a antibióticos, o valor social e cultural do monte comunal, as posibilidades dos mercados de carbono ou o papel  das micorrizas e microenxertos para a xestión forestal son algunhas das temáticas que se abordarán a través da serie de vídeos divulgativos, que inclúe tamén unha accion específica para promover as carreiras STEM entre nenas e adolescente.

Na presentación, na que interviron a coordinadora do proxecto Inma Orjales e a subdelegada do goberno en Lugo Olimpia López, o deputado de Rural  Daniel García valorou a importancia de “achegar o coñecemento científico e tecnolóxico á cidadania para fomentar o pensamento crítico e o empoderamento social” e incidiu na necesidade de proxectar a “ciencia como unha ferramenta accesible, útil e transformadora na vida cotiá das persoas”

Os materiais, producidos por Martín Blanes, están preparados e supervisados por persoal investigador e docente do Campus de Lugo da Universidade de Santiago. A súa difusión extenderase ao longo do curso 2025/2026, coa difusión periódica dos vídeos. O primeiro estreouse esta tarde e está xa dispoñible na canle de Youtube  XuvenCiencia.

Ciencia á feira. Investigadores