Benestar Social e Igualdade
Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo dá o primeiro paso para asumir o custo que agora soportan os concellos nas residencias provinciais

JOSE TOMÉ
Residencias
Cooperación cos Concellos
O Pleno deu luz verde ao convenio marco de cooperación cos concellos que rexerá a prestación dos servizos sociais na Rede de Centros de Atención a Maiores e establece unha ordenanza única para o sistema público único de acceso, prezos e xestión

Ademais, quedou aprobada por unanimidade unha modificación do acordo co Concello de Ourol para a construción da residencia, que incrementa o custe a case 2,3M€ unha vez rematada a redacción do proxecto básico

A Deputación de Lugo deu este martes un paso decisivo cara á consolidación dun sistema público e homoxéneo de atención ás persoas maiores coa aprobación, no Pleno ordinario de novembro, do convenio interadministrativo marco de cooperación cos concellos da provincia. Este instrumento establece unha ordenanzaúnica para a organización e prestación dos servizos na Rede de Centros de Atención a Maiores, garantindo unha atención de proximidade, con estándares de calidade uniformes e cun sistema de prezos públicos adaptado á capacidade económica das persoas usuarias. Saíu adiante cos votos a favor do PSdeG e BNG e coa abstención do PP. 

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, concretou antes da entrada ao Salón de Plenos, que o convenio marco pon as bases para que a Deputación poida asumir progresivamente a achega económica que ata agora recaía nos concellos, aliviando a súa carga financeira e reforzando o modelo público de xestión. Ademais, establece unha ordenación administrativa máis clara e eficaz, ao prever a aprobación dunha ordenanza provincial única para regular o acceso, os prezos públicos e o funcionamento destes servizos sociais, garantindo igualdade de condicións con independencia do municipio no que resida a persoa usuaria.

Co novo marco, a Deputación asume a contratación dos servizos necesarios para o funcionamento dos centros, dota de estabilidade aos equipos profesionais e asegura unha coordinación permanente coas administracións locais.

A aprobación deste convenio constitúe o primeiro paso dun proceso por fases. Unha vez vixente, tramitarase un convenio específico, que detallará con maior precisión as condicións particulares de colaboración e permitirá adaptar o marco común á realidade de cada centro. 

Avances no CAM de Ourol

No Pleno desta mañá o quedou aprobada unha modificación do convenio interadministrativo co Concello de Ourol par a avanzar na tramitación administrativa para a construción do Centro de Atención a Maiores na localidade mariñá. 

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, detallou que se dá este paso porque “o anterior convenio recollía  un custe de 1,6M€ e agora, co cambio de ubicación da parcela e co remate da redacción do proxecto básico ascende a case 2,3M€ de execución”. Con este novo paso, a Deputación e o Concello de Ourol poderán emitir o informe de viabilidade da residencia para remitirlle á Xunta de Galicia, que será quen terá que conceder o permiso para a construción do centro. Unha vez que estea concedido este permiso da Xunta, será cando a Deputación poderá licitar as obras. 

“No Plan de Investimentos do Consorcio de Servizos Sociais da Xunta de Galicia, no 2022, a Deputación e o Concello de Ourol pedimos axuda para a construción desta residencia, pero non se nos concedeu”, afirmou Rivera Capón. “Na Deputación non temos obriga legal nin competencias en servizos sociais. Non as temos.  Pero é que nos vemos na responsabilidade de responder ante as necesidades dos veciños e veciñas da provincia de Lugo porque a Xunta non ten como prioridade a provincia de Lugo”, afirmou.