Cooperación concellos
Deputación de Lugo

A Deputación supervisa coa veciñanza de Taboada as obras de recuperación da antiga Casa Escola de Meixonfrío nas que inviste 30.000€

Taboada
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo comprobou este domingo xunto ao Alcalde taboadés o resultado da primeira fase dos traballos para converter este espazo nun novo local social

“Como sabedes a institución provincial é o concello dos concellos e precisamente baixo esa premisa colaboramos activamente con eles para que poidan ofrecer máis e mellores servizos ós veciños e ás veciñas” avanzou García Porto

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, mantivo un encontro este domingo co Alcalde de Taboada, Roi Rigueira Agromartín, e numerosos veciños e veciñas do municipio para comprobar o resultado da primeira fase das obras da antiga Casa Escola de Meixonfrío. Uns traballos nos que a institución provincial investiu 30.000 euros para levar a cabo o reforzo da estrutura e da cuberta deste espazo que se converterá nun local social.

García Porto recordou que “a institución provincial é o concello dos concellos e precisamente baixo esa premisa colaboramos activamente con eles para que poidan ofrecer máis e mellores servizos á veciñanza”. Nesta liña, avanzou que o proxecto foi posible grazas a un acordo entre a Deputación e o Concello de Taboada “co que damos resposta, conxuntamente, a unha actuación moi demandada entre os veciños”. 

Pola súa banda, Roi Rigueira destacou que as obras deste espazo “avanzan a bo ritmo” e agradeceu o compromiso da Deputación, “co noso concello e coa mellora de infraestruturas que contribúen a revitalizar a vida nas pequenas parroquias”. Así mesmo, destacou a importancia de contar cun local social que reforzará a convivencia entre os veciños e veciñas”.