Deputación de Lugo

A tradición e a artesanía danse cita en Vilalba nunha nova edición da Tasca do Liño grazas á Deputación

Vilalba
Pablo Rivera Capón
Marta Rouco
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, xunto á Alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco Seoane, presentaron este luns no Pazo de San Marcos a décimo sétima edición do evento que se celebrará o 25 outubro na parroquia vilalbesa de Insua

Rivera Capón recalcou que a Deputación “vai seguir ao lado destas iniciativas, porque cada oficio que se mantén vivo é cultura, pero tamén é economía. Cada tradición preservada é desenvolvemento e cada feira que medra é identidade”

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, xunto á Alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco Seoane, e a presidenta da Asociación de Mulleres Rurais de San Bartolomeu de Insua, Lourdes Otero Mato, presentaron este luns na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos a décimo sétima edición da Tasca do Liño, que se celebrará este sábado 25 de outubro na parroquia vilalbesa de Insua. A institución provincial colabora con este evento cunha achega económica de 2.000€ e unha exposición de traxes do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD). 

Rivera Capón recalcou que a Deputación de Lugo “vai seguir ao lado destas iniciativas, porque cada oficio que se mantén vivo é cultura, pero tamén é economía. Cada tradición preservada é desenvolvemento e cada feira que medra é identidade, pero tamén é futuro”. Nesta liña, recalcou que “o rural é unha extraordinaria oportunidade que Galicia non pode perder”. 

O Deputado agradeceu “ás mulleres que foron a columna vertebral desta tradición”, e a Alcaldesa Marta Rouco “polo seu compromiso con este patrimonio, que é material e inmaterial ao mesmo tempo. Grazas tamén á organización, ás artesás, aos veciños e veciñas e a todas as persoas que manteñen vivo este legado”.

Na presentación deste evento, á que tamén asistiu a Concelleira de Cultura de Vilalba, Mónica González, Marta Rouco agradeceu a colaboración da institución provincial e resaltou que “é unha boa nova que celebremos xa 17 edicións”. Así mesmo, puxo en valor o esforzo da “asociación de mulleres rurais que levan tantos anos recuperando esta tradición”.


Programa 

 

11:00h: apertura da xornada.
11:15h: pregón a cargo de Antón Tenreiro Ferreiro, activista político, artístico e cultural.
12:00h: demostración da Tasca do Liño.
13:00h: entrevista con Manuel Rodríguez Calviño sobre Os espadaleiros do liño.
14:00h: xantar popular.
16:30h: actuación grupo tradicional Mestura de Nete.
17:30h: demostración da Tasca do Liño.
18:00h: degustación do ‘cacho’.
18:30h: Airiños da Freba, grupo de baile O Xeito coa Verbena galega d'antes.
20:00h: espectáculo da Queimada con Manolo Ferreiro.

Durante toda a xornada haberá obradoiros participativos de tinguido, estampado en papel reciclado e cerámica da man de Amor ó Teu, Peixesapo e La Bellota Mágica. Ademais, haberá unha exposición de traxes do CENTRAD, postos de artesanía en vivo e elaboración de filloas de Muimenta.