Deputación de Lugo

A Deputación colabora co Día do Veciño, que distingue este domingo a 22 persoas e colectivos da provincia

Día do Veciño
Pablo Rivera Capón
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este martes no acto de presentación desta cita na Praza de San Marcos, ao que asistiron tamén preto de medio cento de membros da Federación veciñal Lucus Augusti

Este encontro conta cunha achega económica da institución provincial de 18.000€, que financiarán unha celebración multitudinaria onde se recoñecerá un ano máis o labor daqueles que destacan pola dinamización e promoción do territorio

Rivera Capón subliñou que a colaboración co movemento veciñal baséase na importancia da súa forza “para facer provincia desde a participación” e pola “inspiración para defender os dereitos, garantir servizos públicos e apostar por un rural vivo”

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este martes na Praza de San Marcos na presentación da 23ª edición do Día do Veciño que se celebrará este domingo, 19 de outubro, baixo o lema Deixar de loitar é deixar de soñar. A cita conta un ano máis cunha achega da Deputación de Lugo de 18.000€ e está previsto que reúna no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo a uns 5.000 veciños e veciñas da provincia. 

Participaron tamén no acto desta mañá o presidente da Federación de Asociacións de Veciños Lucus Augusti, Jesús Vázquez, e a Concelleira da Área de Cohesión Territorial do Concello de Lugo, Ana González Abelleira, entre outras autoridades. Ademais a presentación estivo amenizada por unha banda de música tradicional e arroupada por preto de medio cento de membros do colectivo organizador.

Rivera Capón destacou que “esta é unha cita que xa forma parte da identidade da provincia” e puxo en valor que o territorio estea cheo “de xente comprometida; de persoas que cren que mellorar o lugar onde viven tamén é mellorar a provincia enteira”. Nese sentido subliñou que “o movemento veciñal é, sen dúbida, unha das grandes fortalezas da provincia”.

“O Día do Veciño é tamén unha festa de convivencia, un espazo onde todos e todas somos iguais, sen diferenzas entre o rural e a cidade, entre xeracións ou ideoloxías”, engadiu o Deputado, para quen o espírito veciñal “inspira o traballo da Deputación de Lugo: defender os dereitos de todas as persoas, garantir os servizos públicos de calidade e apostar por un rural vivo, con oportunidades e con futuro”. 

 

V de Veciño


No Día do Veciño 2025 farase entrega das 22 V de Veciño, uns galardóns cos que a Federación de Asociacións de Veciños recoñece o labor dun total de 22 persoas e entidades que destacan por desempeñar un papel protagonista en favor da dinamización e promoción da súa comarca e, polo tanto, da provincia. Este ano serán galardoados:

•    Roberto García González. Secretario xeral de Unións Agrarias
•    Jaime Luis López Vázquez. Secretario xeral da Confederación de Empresarios e Presidente da Cámara de Comercio de Lugo
•    Francisco Javier Neira Pampín. Urólogo
•    Fernando Timiraos Carrasco. Traballador Municipal do Servicio de Deportes
•    Lorenzo Armenteros del Olmo. Facultativo Especialista de Área de Medicina Familiar y Comunitaria
•    María Luisa López Díaz. Secretaria Asociación de Veciños de San Lázaro
•    Gonzalo Rodríguez Ferreiro.    Presidente Asociación Veciños Xente de Xustás, Cospeito
•    Alicia Carballedo. Directora Radio Lugo Cadena Ser
•    José Ramón Latas Veiga. Plataforma Lugo Non Quere Cheiros
•    Vocalía de la Mujer de la Federación de Asociaciones Vecinales de la zona Urbana de Gijón     
•    Asociación de Veciños de Bacoy (Alfoz)
•    Elena Espinosa Mangana. Deputada do Parlamento de Galicia
•    José Rodríguez Rodríguez, José do Fondal.    Veciño de Galegos
•    Antonio González Chaín. Coordinador Xefe de Prevención de Riscos Laborais da Deputación Provincial de Lugo
•    José Espin Mejía. Exalcalde das Nogais
•    María Martínez Guntín. Delegada de La Voz de Galicia en Lugo
•    Olimpia López Rodríguez. Subdelegada do Goberno na provincia de Lugo
•    GAC - GRUPO DE AXUDA A CARMEN
•    Alejandro Jesús Calvo Rodríguez. Consejero de Movilidad, Medio Ambiente y Gestión de Emergencias del Principado de Asturias
•    ASOCIACIÓN VECINAL SANTA EUFEMIA DE LEMOS(MONFORTE DE LEMOS)     
•    BOMBEIROS FORESTAIS     
•    César Murias Pérez. Enxeñeiro