Deputación de Lugo

A Deputación achega 10.000€ a ALUCEM para apoiar a atención integral de 40 persoas con esclerose múltiple

José Tomé Roca
ALUCEM
O Presidente da institución provincial vén de asinar un acordo de colaboración coa máxima representante deste colectivo que, desde o ano 1996, trata de mellorar a calidade de vida dos seus usuarios e as súas familias

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a presidenta da Asociación Lucense de Esclerose Múltiple (ALUCEM), Nuria Sala Tapia, veñen de asinar na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos un acordo de colaboración mediante o que a institución provincial achega a esta entidade 10.000€ para apoiar o programa de atención integral que desenvolven desde o colectivo. 

Tomé Roca destacou que “o obxectivo desta iniciativa é cubrir as necesidades específicas dos pacientes que padecen esta enfermidade, especialmente aquelas relacionadas coa fisioterapia e a atención psicolóxica, imprescindibles para garantir o seu benestar físico e emocional”.  Subliñou tamén que “este proxecto presta atención a 40 usuarios da provincia e o criterio de selección inclúe tamén a persoas con esclerose lateral amiotrófica (ELA) e outras enfermidades neurodexenerativas”. 

O Presidente da institución provincial aproveitou este encontro para poñer en valor o traballo que “leva desenvolvendo ALUCEM desde hai case 30 anos ofrecendo un apoio fundamental aos seus usuarios, promovendo a súa autonomía e mellorando o seu día a día e o das súas familias”. Nesta liña, reiterou o compromiso da institución provincial con “estes colectivos que realizan un labor fundamental para construír unha sociedade máis xusta e solidaria”. 

O contido do programa inclúe: actividades psicosociais como obradoiros de memoria ou terapia psicolóxica individual; iniciativas sociais que inclúen orientación e información sobre os trámites necesarios para acceder a prestacións; propostas de rehabilitación con sesións individuais de fisioterapia, clases grupais de pilates e ximnasia de mantemento; así como actividades deportivas adaptadas, entre outras cuestións.