A Deputación destaca “o dinamismo e talento do tecido empresarial lucense” na inauguración do Foro Executivo Corredor Galicia & Asia

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este venres na inauguración do Foro Executivo Corredor Galicia & Asia 2025, que se celebra no Edificio Cáctus do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela. O evento, que conta co apoio institucional da Deputación, busca reforzar a cooperación entre Galicia e Asia en ámbitos clave como a innovación, a saúde, a alimentación, o envellecemento e o desenvolvemento sostible.
Durante o acto, o Deputado subliñou que “Lugo se converte hoxe nunha ponte entre Galicia e Asia, dous territorios que comparten unha mesma ambición: avanzar cara a un desenvolvemento máis humano, máis innovador e máis sostible”. Destacou tamén que este encontro “non é só un evento, senón unha declaración de intencións: un espazo para tender pontes entre continentes, compartir coñecemento e construír xuntos un futuro mellor”.
Pablo Rivera puxo en valor ademais o dinamismo do tecido empresarial da provincia, subliñando que “en Lugo temos empresas e asociacións con talento e ganas de medrar”. Polo que, este foro “é unha oportunidade real para establecer relacións con empresarios doutros países, exportar produtos, atraer investimento e innovar en sectores estratéxicos como a saúde, a alimentación e o envellecemento”, declarou.
“O tecido empresarial de Lugo é dinámico e diverso, e este foro permite abrir portas a novos mercados, establecer alianzas estratéxicas e fortalecer a competitividade da provincia. Ademais, mostra a capacidade de Lugo para acoller proxectos de relevancia internacional e atraer talento e coñecemento”.
O foro está promovido pola Asociación Asia-China para a Cooperación e o Desenvolvemento Internacional (AACCDI) e organizado por Prorural Galicia, coa colaboración da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), a Universidade de Santiago de Compostela (USC), o Concello de Lugo e a Xunta de Galicia.
