A Deputación aproba investimentos por 200.000€ para mellorar a mobilidade e reforzar a eficiencia da Granxa Gayoso Castro
Na reunión deste venres tamén se deu luz verde á licitación do contrato de mantemento da maquinaria da Granxa Gayoso Castro que a institución provincial ten no concello de Castro de Rei
A Deputación de Lugo aprobou este venres destinar -a través de tres contratos de licitación- un investimento conxunto de case 200.000€ para mellorar a mobilidade e reforzar a eficiencia da Granxa Gayoso Castro. Así o avanzou a Voceira socialista do Goberno Provincial, Pilar García Porto, tras a reunión semanal da Xunta do Goberno, quen detallou que “dous destes contratos están relacionados co mantemento da maquinaria do Parque Móbil e un terceiro co sector primario dirixido á Granxa Gayoso Castro”.
No que ten que ver co Parque Móbil detallou que “demos luz verde a dous novos contratos, por un importe conxunto de 154.100€, cos que continuaremos mellorando o mantemento das estradas que articulan os 67 concellos da provincia”. Por unha banda, a Xunta de Goberno aprobou a licitación para adquirir dúas palas cargadoras cun orzamento de 133.100€ e o prazo de entrega de 30 días naturais.
“Coa adquisición destas dúas máquinas completamos os equipos dos que dispón o Parque Móbil da Deputación, o que nos permitirá seguir prestando un servizo rápido e eficaz aos municipios da provincia. Estes medios permitirannos realizar tarefas de limpeza e mantemento nas estradas: como a retirada de terras, o desbroce de marxes ou a carga e o transporte de materiais”, subliñou García Porto.
Por outra banda, na reunión desta mañá aprobouse tamén a licitación doutro contrato que ten que ver co servizo de mecanizados. Definiu, a Voceira socialista, esta prestación como “fundamental” para o correcto funcionamento do Parque Móbil, xa que permite realizar traballos de reparación nas máquinas, vehículos e equipos que se empregan a diario.
“Grazas a esta prestación é posible substituír aqueles compoñentes danados ou desgastados sen ter que recorrer á compra de pezas novas, o que supón tamén un aforro económico. Ademais, esa actuación garante unha maior autonomía e eficiencia operativa, co que continuaremos ofrecendo aos veciños e veciñas da provincia servizos de máxima calidade no que ten que ver co mantemento e a reparación de vías”.
O orzamento de licitación deste contrato é de 21.000€ e terá unha duración dun ano, que poderá prorrogarse ata un máximo de catro anos.
Mantemento da maquinaria da Granxa Gayoso Castro
García Porto sinalou tamén que a Xunta de Goberno licitouse o contrato de mantemento da maquinaria da Granxa Gayoso Castro que a Deputación ten no concello de Castro de Rei. O orzamento de licitación é de 18.000€ e o contrato terá unha duración dun ano que poderá prorrogarse ata un máximo de catro.
“Un servizo esencial para garantir o bo funcionamento dos equipos e a maquinaria agrícola da Granxa, medios que se empregan a diario tanto nas tarefas de produción, como nas actividades formativas que se desenvolven neste centro. O mantemento axeitado destes recursos é fundamental para traballar con seguridade e eficacia”, recalcou.
Así mesmo, fixo fincapé en que a Granxa Gayoso Castro “é un espazo de referencia para o sector gandeiro da provincia e unha das accións prioritarias do noso Goberno. Unha dotación que combina a innovación, apoio ao sector primario e formación en colaboración coa universidade. E facémolo con iniciativas como: a recría de xovencas ou a granxa experimental de leite”.
Rematou a súa intervención incidindo en que este contrato permitirá manter a pleno rendemento unha infraestrutura “clave para a provincia, para continuar desenvolvendo proxectos que fortalezan o rural e xeren novas oportunidades para o sector agrogandeiro lucense”.