A Deputación presenta cinco xovencas da Granxa Gayoso á poxa do certame de gando de Pedrafita

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este domingo xunto ao Alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo, no XXXIV Certame-Exposición de Gando Vacún deste municipio da Montaña. A institución provincial achega 15.000€ a través do Plan Deputación para a celebración da Feira do Queixo e este evento tradicional, que retoma este ano o certame tras a suspensión do ano pasado debido a aparición de varios casos da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) na zona.
Os expositores son principalmente de gandeiros de vacún da zona da Montaña e das comarcas próximas, de León e de Asturias e entre os animais destacan os de Rubia Galega, Vaca Roxa asturiana e Frisona. A Deputación de Lugo presentou tamén cinco xovencas de Raza Rubia á poxa cun prezo de saída de 2.500 euros. De media, os animais chegaron a venderse no recinto feiral de Pedrafita de Cebreiro por 3.280 euros.
O rabaño de Rubia Galega da Deputación de Lugo, criado na Granxa Gayoso Castro e xestionado en colaboración coa ACRUGA (Asociación Nacional de Criadores de Raza Rubia Galega) é un dos principais referentes na mellora xenética desta raza autóctona.
Ademais das reses, en paralelo hai expositores agroalimentarios e de produtos locais, con queixos, embutidos, mel, maquinaria agrícola lixeira ou pensos. Unha cita importante por todo o que ten que ver de promoción do sector gandeiro da Montaña, a mellora xenética e profesionalización, dinamización económica e social e a promoción de produtos locais.

