Deputación de Lugo

A Deputación inviste 450.000€ na mellora da estrada provincial entre Castro de Rei e A Pastoriza

JOSE TOMÉ
REDE DE ESTRADAS PROVINCIAIS
castro de rei
A Pastoriza
Os traballos na LU-P-1106 estanse a levar a cabo por tramos nun total de case 10 quilómetros, e atópanse na primeira fase coa limpeza e a reapertura de cunetas para continuar coa drenaxe, o aglomerado en quente e a renovación da sinalización

A Deputación de Lugo iniciou as obras de mellora na estrada provincial LU-P-1106 que é a vía que conecta Castro de Rei e Campo do Oso, na Pastoriza, por Reigosa, cun investimento de 450.000€. Nestes momentos, os traballos atópanse na fase inicial coa reapertura de cunetas. Posteriormente, a institución provincial actuará na canalización de formigón para a mellora da drenaxe ao inicio da estrada, a pavimentación con aglomerado en quente e a sinalización horizontal. 

Os traballos abranguen case 10 quilómetros de vía divididos en tres tramos. O primeiro treito que vai desde o inicio da estrada, á altura da ponte sobre o río Azúmara, ata o punto quilométrico 7,682, na parroquia de Pacios (Castro de Rei). O segundo é o que pasa pola parroquia da Reigosa, xa no termo municipal da Pastoriza, entre os puntos quilométricos 9,5 e 10. E, o terceiro treito é o que afecta dende a rotonda de conexión coa LU-P-4401, á altura da Ermida, entre os quilómetros 10,5 e 11,74.

As obras están a ser executadas pola empresa Cholo S.L e teñen un prazo de un mes e medio, co obxectivo de mellorar a seguridade e a comodidade dos usuarios desta importante vía provincial. Trátase dunha actuación de gran relevancia moi transitada xa que conecta os concellos de Castro de Rei e A Pastoriza, contribuíndo ao desenvolvemento económico e social e garantindo unha maior seguridade e acceso a servizos básicos entre estes municipios. 

A mellora desta vía enmárcase no Plan de mellora das estradas 2025, anunciado a finais do pasado ano polo Presidente, José Tomé Roca, cun investimento que supera os 15M€ para acondicionar 400 quilómetros de vías por toda a provincia. Deste xeito, con esta nova actuación a institución provincial continúa a traballar no seu compromiso cunha das grandes prioridades do Goberno provincial como é a mellora da mobilidade e a seguridade viaria na provincia.